1 de dezembro de 2011

A araña europea do ano 2012: a araña cavernícola grande.


Este é o cartel elaborado polo GIA para a península ibérica, a versión en galego, na que se diferencia da especie máis semellante. 
Como é sabido, na granítica parte occidental de Galicia, excepto as salgadas covas submarinas e furnas, non hai covas naturais, pero si hai algunhas minas e túneis. Na parte oriental de Galicia, entre os estratos calcarios, xa aparecen cavidades naturais sen maior particularidade que no resto da Península Ibérica, polo que a pesar da ausencia coñecida de citas en Galicia (segundo Cardoso e Morano, 2010) tanto da araña cavernícola grande Meta menardi, como da araña cavernícola grande meridional (M. bourneti), agardamos que proximamente aparezan nas catro provincias galegas. Así, na nosa comunidade, haberá tamén outras primicias, a sumar as xa anotadas polos nosos colegas europeos (European Spider of the Year 2012), que traduzo aquí:

14 de julho de 2011

As libélulas, lavacús e gaiteiriños reencóntranse coa cultura galega.

Foi obxecto dende o primeiro día deste blog tanto salientar a tradicional cultura arredor do mundo entomolóxico, como facer que o coñecemento das diferentes especies e da súa ecoloxía penetre nas nosas xentes. Despois de ollar a flamante guía de odonatos de Galicia* (edición de xuño'11), vexo o mimo co que Cosme Damián tratou os nomes populares, adaptándoos á máis descritiva nomenclatura ao precisar as especies, o cal foi unha agradable sorpresa nesta agardada guía, engadida ao minucioso do detalle anatómico logrado por Carlos Silvar, orientado á rápida indentificación das especies, seguindo as mellores guías de Odonatos, coma a famosísima Dijkstra (en inglés**), e cos esclarecedores comentarios de Miguel Ángel, o científico autor dos textos, quen nos guía por primeira vez na nosa lingua, non só polas especies xa atopadas en Galicia (ata o de agora, 53 especies), senón cun extra de 9 especies que será posible atopar no futuro por atoparse Galicia na súa marxe de distribución, ou aínda que raras, poidamos facer, como o propio autor di nalgunha especie, unha "fabulosa contribución á odonatofauna galega".
De tódolos xeitos, permítome dar un aviso a navegantes, pensando nas últimas vagas de calor e no cambio climático: hai 4 anos que un novo "lavacú", empregando a terminoloxía proposta nesta guía, pasou o estreito cara á Península, trátase de Trithemis kirbyi, especie propia de practicamente toda África, polo menos ata o de agora. Supoño que tardaremos anos en vela por Galicia, pois a loita pola supervivencia segue aí fóra, pero a súa presenza en Sudáfrica fai recordar o ben que acollemos outras "compatriotas" coma a unlla de gato e a Arctotheca calendula e a vinagreira Oxalys pes-caprae, aínda máis espalladas e tan naturalizadas que forman parte dos nosos recordos infantís.

*Baía Edicións - Guía das libélulas de Galicia
**WEBORYX - FIELD GUIDE TO THE DRAGONFLIES OF BRITAIN AND EUROPE INCLUDING WESTERN TURKEY AND NORTH-WESTERN AFRICA

7 de maio de 2011

Época de máxima diversidade, máis ataques á vida.


Xinandromorfo de Issoria lathonia,  metade macho, 
metade femia, atopada en campos de 
Valdeorras en maio do ano pasado.
En moitas ocasións vemos singularidades nos seres vivos que non pasan de ser curiosidades e, cientificamente, temos que resignarnos a iso, pois é moi difícil seguirlle a pista sen un traballo intensivo que demostre a relación deles con causas naturais ou inducidas por actividades humanas.
Pois ben, ditos estudos para o caso dos xinandromorfos, existiron hai xa medio século, pois como dicía a ecóloga clásica, Rachel Carson:

Os mosquitos expostos ao DDT durante varias xeracións convírtense en estrañas criaturas chamadas xinandromorfos: son en parte machos e en parte femias.
As plantas tratadas con varios fenois sofren unha profunda destrución dos cromosomas, cambios nos xenes e un sorprendente número de mutacións, "cambios hereditarios irreversibles". Esas mutacións tamén se producen nas moscas do vinagre, os suxeitos clásicos de experimentos xenéticos, cando se someten ao fenol; ditas moscas presentan mutacións fatais tralo contacto cun dos herbicidas correntes ou co uretano. O uretano pertence ao grupo de substancias químicas chamadas carbamatos, dos que se obtén un número crecente de insecticidas e outros produtos químicos para a agricultura. Dous dos carbamatos úsanse en realidade para impedir o grelado das plantas almacenadas, precisamente debido aos seus probados efectos en deter a división celular. Un deles, a hidracina maleica, considérase un importante mutáxeno. 
(traducido a partir do capítulo "A través de una estrecha ventana" na Primavera silenciosa).

1 de maio de 2011

Maio, mes das... arañas!

Grandes descoñecidas a nivel mundial, estímase que o grupo das arañas, os arácnidos, serían o 2º grupo de animais con máis especies despois dos insectos. O certo é que, en canto a especies coñecidas, os arácnidos, cunhas 65.000 especies, agora mesmo estarían algo por detrás dos moluscos, con máis de 70.000 especies, pero ningún dos dous tería rival nos insectos, con máis dun millón de especies coñecidas, e estiman que o seu estudo podería dar cifras de ata 8 veces máis.
Na Península Ibérica hai traballos exhaustivos publicados en localidades concretas, sobre todo dende finais do XIX, pero Galicia é unha das que está á cola en coñecemento de especies, como xa dixemos, con algo máis dunha centena de especies, moito menos cás mil trescentas descritas na Península, algunhas delas endémicas, outros elementos mediterráneos e africanos que elevan a diversidade ibérica con respecto ao centro e norte de Europa. A pesar de non chegar a Galicia os elementos africanos, si chegan os mediterráneos e algúns endemismos, aínda que está por ver en qué medida.
Pois ben, este ano maio é máis mes das arañas que nunca por dous motivos fundamentais:
Esta pequena e simpática Oxyopes sp; difícil de detectar e pouco
representada en Galicia ata o de agora (soamente por heterophtalmus)
podería sorprender con algunha nova especie para esta terra, sobre todo
se empezamos con proxectos sistemáticos coma o COBRA.



















1. Porque o método COBRA estandarizado para a mostraxe de arañas na Península Ibérica polo profesor Pedro Cardoso, establece maio e xuño como o período de maior diversidade, idóneo para colaborarmos ao coñecemento científico da entomofauna ibérica realizando un estudo de arañas na nosa zona.
Esta araña cangrexo Thomisius onustus, cun patrón de
coloración que pode resultar familiar, pero que non é dos
 máis frecuentes, recórdanos que a diversidade non é soamente
de especies. Hai varias especies que exhiben unha
 evidente variación de color, como por ex. a Pisaura mirabilis,
e unha maneira de aproximarnos a ela pode ser a fotografía.


















2. Porque os fotógrafo-naturalistas de BV establecen o mes de maio para enviar fotos deste mes a un concurso con premio en todo o territorio español: ver Mayo El mes de las arañas | Biodiversidad Virtual, que aínda que non permite a identificación das centenas de especies que poidan aparecer, si das máis aparentes.

22 de março de 2011

Cicindelas á saída do inverno

Esta tempada, imos recibir o introito da primavera ou "antroido", como dirían algúns paisanos do norte, cunhas máscaras terroríficas. Pois aínda que estamos afeitos ás bolboretís aparicións que anuncian o fin do inverno e recordan os disfraces do entroido de cara máis colorista e amable, tamén desta festa é propio o despertar das feras, coma o oso de Salcedo, ou dos espíritos malignos soterrados que fan a súa aparición tamén nesta festa, coma as negras e terroríficas máscaras vianesas ou calquera monstro que se recicla da festa do samaín-halloween. Así, tamén os escaravellos tigre saen do seu acubillo invernal para amosar as súas metálicas cores e terribles mandíbulas.
As cicindelas son unha das catro subfamilias de carábidos que están presentes nas nosas latitudes, son voadoras activas que asexan inquedas a súa presa cos seus enormes ollos, para alcanzala ao instante e darlle morte en poucos segundos coas súas temibles mandíbulas. Pero que comparta o nome do gran predador a raias, pode estrañar na cicindela campestre, non así nas especies de area (praia e ribeiras) que días desta semana facían aparición (19 e 20 de marzo) nas praias da Costa da Morte-Bergantiños:

Lophyra flexuosa, asollándose nunha duna, amosa o seu deseño atigrado.
Lophyridia littoralis exhibe as súas potentes mandíbulas, pegada ao chan e inmóbil para evitar o vento*.

5 de fevereiro de 2011

Agelena labyrinthica, araña europea de 2011.

É o quinto ano que en Europa dende que en 2006 se celebrara a primeiro ano da araña europea pola Sociedade Europea de Aracnoloxía, bo momento para participarmos en Galicia, sobre todo pola especie, abondosa, común e doada de atopar e identificar superficialmente, para ir comezando este verán, cando están activas.
Aquí tedes un exemplar de Agelena labyrinthica (Clerck, 1757) ao lado dun río no interior da provincia da Coruña, onde andaban  a cazar saltóns e mosquiñas en pleno mediodía.
No ámbito ibérico, contamos coa garantía de colaboración do GIA - Grupo Ibérico de Aracnología (dentro da SEA), do que son socio. Así coordinarémonos mellor en toda España e tamén teremos o asesoramento e segura identificación desta especie que lle dá nome á familia das diversas e cosmopolitas Tegenarias. Moi doada de localizar pola súa densa gran tea en forma de funil, que cobre unha extensa superficie e é visible a distancia, sobre todo despois dunha noite de orballo, a máis confundible é a Agelena agelenoides (Walckenaer, 1842), especie mediterránea nunca citada en Galicia, pero si en Bragança, cunha única cita no ano 40. Non é probable atopar esta última especie, pero si posible, pois cos datos que manexo, en Galicia soamente se terían detectado un 10 % das máis de mil especies peninsulares. Para máis información e contacto co coordinador español: Araña común del laberinto, e se dades un paseo por Portugal, aquí tedes información e máis contactos: Aranha comum do labirinto. De todos os xeitos, na sección entomolóxica do GN Hábitat poderemos organizar a previa recollida e revisión de datos de campo, así como outras dúbidas sobre a nosa entomofauna. Para iso podedes escribir ao e-mail do grupo: gnhabitat@yahoo.es.

9 de janeiro de 2011

Devastación innecesaria... de novo.

Clotianidina (clothianidin).
Asistimos dende hai máis dun lustro impotentes a un declive xeralizado das abellas e outros polinizadores, sobre todo naquelas áreas onde a agricultura se fai de xeito menos tradicional. A explicación oficial veu dicir que se trataba dunha enfermidade bacteriana introducida, despois pola combinación dun fungo e un virus, destacándoa como factor principal fronte á xa comprobada desorientación das abellas despois de libar en flores de zonas tratadas con clotianidina (pesticida neonicotinoide organoclorado). Pois ben, o mes pasado, grazas a Wikileaks, confirmamos o que xa se sospeitabamos, que se estaba restando importancia de maneira interesada ao xa coñecido CCD (ou desorde de colapso das colonias) provocado por nicotinoides (ver Neonicotinoids minister letter). Aínda a mediados do 2010, grazas a The New York Times, enterabámonos que algún dos científicos que traballara para apoiar aos indignados apicultores, era contratado directamente por Bayer, principal produtor da clotianidina (podédelo comprobar aquí). Dende que foron permitidos en EEUU (2003) e na Unión Europea (2005), os pesticidas nicotinoides non deixaron de minguar as poboacións de abellas silvestres e domésticas, tanto é así, que un deles xa se prohibira en 1999, despois de acabar cun terzo das súas abellas, e a clotianidina foi prohibida sucesivamente en Alemaña, Francia, Italia e Eslovenia. En 2008, a axencia para a protección do medio ambiente estadounidense (EPA) foi denunciada polo Concilio para a Defensa dos Recursos Naturais, en defensa dos apicultores; pero a proba definitiva aquí a temos. Os prevaricadores norteamericanos e os responsables da filial de Bayer deben ser duramente castigados por sumirnos noutra ameaza global, que pon en perigo o mantemento de calquera ecosistema terrestre. O envelenamento da terra por intereses económicos particulares non é nada novo, e foi especialmente notorio nos anos 50, contra o que reaccionaron moitos científicos, entre eles a bióloga mariña Rachel Carson, da que extraio unha pasaxe de hai 49 anos, que ofrece unha curiosamente axeitada descrición do mecanismo de acción da clotianidina sobre sementes de maínzo e nabos, substitúanse o insecticida mencionado e os cultivos polos do problema actual, e terase unha perfecta explicación do que sucede hogano: