9 de janeiro de 2011

Devastación innecesaria... de novo.

Clotianidina (clothianidin).
Asistimos dende hai máis dun lustro impotentes a un declive xeralizado das abellas e outros polinizadores, sobre todo naquelas áreas onde a agricultura se fai de xeito menos tradicional. A explicación oficial veu dicir que se trataba dunha enfermidade bacteriana introducida, despois pola combinación dun fungo e un virus, destacándoa como factor principal fronte á xa comprobada desorientación das abellas despois de libar en flores de zonas tratadas con clotianidina (pesticida neonicotinoide organoclorado). Pois ben, o mes pasado, grazas a Wikileaks, confirmamos o que xa se sospeitabamos, que se estaba restando importancia de maneira interesada ao xa coñecido CCD (ou desorde de colapso das colonias) provocado por nicotinoides (ver Neonicotinoids minister letter). Aínda a mediados do 2010, grazas a The New York Times, enterabámonos que algún dos científicos que traballara para apoiar aos indignados apicultores, era contratado directamente por Bayer, principal produtor da clotianidina (podédelo comprobar aquí). Dende que foron permitidos en EEUU (2003) e na Unión Europea (2005), os pesticidas nicotinoides non deixaron de minguar as poboacións de abellas silvestres e domésticas, tanto é así, que un deles xa se prohibira en 1999, despois de acabar cun terzo das súas abellas, e a clotianidina foi prohibida sucesivamente en Alemaña, Francia, Italia e Eslovenia. En 2008, a axencia para a protección do medio ambiente estadounidense (EPA) foi denunciada polo Concilio para a Defensa dos Recursos Naturais, en defensa dos apicultores; pero a proba definitiva aquí a temos. Os prevaricadores norteamericanos e os responsables da filial de Bayer deben ser duramente castigados por sumirnos noutra ameaza global, que pon en perigo o mantemento de calquera ecosistema terrestre. O envelenamento da terra por intereses económicos particulares non é nada novo, e foi especialmente notorio nos anos 50, contra o que reaccionaron moitos científicos, entre eles a bióloga mariña Rachel Carson, da que extraio unha pasaxe de hai 49 anos, que ofrece unha curiosamente axeitada descrición do mecanismo de acción da clotianidina sobre sementes de maínzo e nabos, substitúanse o insecticida mencionado e os cultivos polos do problema actual, e terase unha perfecta explicación do que sucede hogano: