14 de julho de 2011

As libélulas, lavacús e gaiteiriños reencóntranse coa cultura galega.

Foi obxecto dende o primeiro día deste blog tanto salientar a tradicional cultura arredor do mundo entomolóxico, como facer que o coñecemento das diferentes especies e da súa ecoloxía penetre nas nosas xentes. Despois de ollar a flamante guía de odonatos de Galicia* (edición de xuño'11), vexo o mimo co que Cosme Damián tratou os nomes populares, adaptándoos á máis descritiva nomenclatura ao precisar as especies, o cal foi unha agradable sorpresa nesta agardada guía, engadida ao minucioso do detalle anatómico logrado por Carlos Silvar, orientado á rápida indentificación das especies, seguindo as mellores guías de Odonatos, coma a famosísima Dijkstra (en inglés**), e cos esclarecedores comentarios de Miguel Ángel, o científico autor dos textos, quen nos guía por primeira vez na nosa lingua, non só polas especies xa atopadas en Galicia (ata o de agora, 53 especies), senón cun extra de 9 especies que será posible atopar no futuro por atoparse Galicia na súa marxe de distribución, ou aínda que raras, poidamos facer, como o propio autor di nalgunha especie, unha "fabulosa contribución á odonatofauna galega".
De tódolos xeitos, permítome dar un aviso a navegantes, pensando nas últimas vagas de calor e no cambio climático: hai 4 anos que un novo "lavacú", empregando a terminoloxía proposta nesta guía, pasou o estreito cara á Península, trátase de Trithemis kirbyi, especie propia de practicamente toda África, polo menos ata o de agora. Supoño que tardaremos anos en vela por Galicia, pois a loita pola supervivencia segue aí fóra, pero a súa presenza en Sudáfrica fai recordar o ben que acollemos outras "compatriotas" coma a unlla de gato e a Arctotheca calendula e a vinagreira Oxalys pes-caprae, aínda máis espalladas e tan naturalizadas que forman parte dos nosos recordos infantís.

*Baía Edicións - Guía das libélulas de Galicia
**WEBORYX - FIELD GUIDE TO THE DRAGONFLIES OF BRITAIN AND EUROPE INCLUDING WESTERN TURKEY AND NORTH-WESTERN AFRICA