22 de fevereiro de 2012

Charla sobre a ecoloxía da Eurynebria complanata

Este venres, os compañeiros de Hábitat confiaron en min para impartir unha charla sobre a vida deste escaravello nocturno das praias. Isto explícase porque me pasei os tres últimos anos fotografando mensualmente e estudando unha das súas poboacións. Algunhas conclusións do estudo foron expostas nun traballo de terceiro ciclo na facultade da Coruña, e comunicaranse no grupo para a súa valoración dende o punto de vista conservacionista.
Primeiro repasaremos a histórica descrición da especie Eurynebria complanata (Linnaeus, 1767) e situación taxonómica, a súa distribución por Europa e África, e logo algúns aspectos singulares da súa bioloxía. Tamén comentaremos os estudos ecolóxicos que xe fixeron en varios outros países, sobre todo en Italia e Francia, e por último expoñeremos os resultados do estudo levado a cabo na Costa da Morte: tamaño de poboación, relación de sexos, biometría, as oscilacións na súa abundancia, etc.

Macho maduro de escaravello das praias, Eurynebria complanata.
Confío en que esta aproximación científica ao estudo desta especie de carábido, da tribo dos Nebriini, contribúa tanto a familiarizarnos coa bioloxía dos escaravellos da terra ou carábidos en xeral, importantísimos como indicadores do estado de conservación dun medio; como a proporcionar unha posibilidade de estudo de vivo dalgúns artrópodos, algo infrecuente aínda, e non sempre posible, nos estudos dos ecosistemas, neste caso das praias areosas con vexetación dunar.
Máis información sobre a charla na páxina do grupo Hábitat.