28 de julho de 2010

Resultados da saída ao Eume (carábidos e fentos forestais) e próxima charla sobre o Eucarabus deyrollei

A pasada semana, unha ducia de persoas convocadas por Saramaganta e o GN Hábitat, e guiadas por un membro deste grupo: Jorge Ramos, acudimos a un training day máis, que nesta ocasión desprazouse ao norte para ver a mellor conservada masa de bosque atlántico: o Parque Natural das Fragas do Eume. Nel puidemos observar as dúas especies e unha subespecie de Carabus endémicas deste recanto noroeste da península:
Primeiro plano do predador de vermes e outros animais semiacuáticos,
 o C. galicianus, portando un ácaro forético, é dicir que aproveita o gran escaravello como transporte.
- Carabus (Ctenocarabus) galicianus: na ribeira dun regato afluente do Eume, pois no curso principal están en moita menor cantidade debido ás frecuentes subas de nivel por liberación de auga do encoro.
Larva de E. deyrollei
- Carabus (Eucarabus) deyrollei: varios machos activos, cruzando o camiño e algunha larva na ribeira do río, como a da foto enriba.




21 de julho de 2010

Aracnidismo ou aracnofobia en Galicia?

Nestes días calorosos, de actividade e dispersión das arañas, sempre hai algún incidente que motiva a aracnofóbica pregunta de qué arañas son velenosas, base real ten no aracnidismo, ou efectos das picaduras das arañas, nos casos de arañas de medio a gran tamaño con veleno potente. En Galicia, estas dúas circunstancias conflúen raramente, e de feito, non me consta ningún caso que pase dunha dolorosa picadura, pero si aparecen varios candidatos a picaduras máis graves. Non obstante, hai que pensar que os asexadores arácnidos son moi pouco agresivos coas especies xigantescas coma os humanos, e como todos os xigantes, nós moi pouco susceptibles a picaduras de ananiños como son os arácnidos por estas latitudes. A pesar de ser un tema bastante pouco estudado, hai varias conclusións sobre a acción do veleno en varios grupos de tamaño medio a grande:
Loxoscelismo:
Trátase dunha picadura dolorosa cunha potente acción proteolítica que dana o tecido superficialmente matando as células dunha zona, e podendo necrosar e incluso gangrenar esa área, o que retarda moito a curación, incluso tardando máis de 2 meses en curar. En todo caso, só nas especies americanas, como a Loxosceles laeta, e non na ibérica Loxosceles rufescens, da que nin sequera se ten constancia en Galicia, hai casos graves, nas que incluso se tivo que amputar algún dedo, iso si, sempre como complicacións dunha reacción alérxica e moitas veces en persoas fumadoras.
Por que falo entón destes casos, primeiro americanos e logo da Iberia meridional, para aplicalo en Galicia? Ben, pois porque outra familia completamente diferente, os Miturgidae (antes dentro dos clubiónidos), posúe nas súas filas unhas especies grandes, das que é frecuente unha dolorosa picadura de lenta curación e veleno tóxico para as células e necrosante, pero da que non se coñecen complicacións importantes. O tamaño da araña é mediano, pero as súas mandíbulas desproporcionadas e coloración rechamante, avisan nesta Cheiracanthium punctorium, que incluso chega ao N de Europa. Aquí podedes ver un macho espectacular atopado na provincia de Pontevedra, e embaixo os seus quelíceros, capaces de atravesar a pel humana:

Obsérvense os poderosos quelíceros e os característicos tarsos e longo clythrum dos palpos deste macho.