31 de dezembro de 2015

A araña zoadora: araña europea do ano que se despide

Aínda que xa pasa, e xa pensando na araña europea do ano 2016, quería despedir un ano dedicado a unha especie excepcional:

A araña zoadora* Anyphaena accentuata (Walckenaer, 1802) ten en Galicia unha boa representación dos hábitats que prefire: troncos, pólas e follas en xeral de árbores caducifolias, e parece presentar menor querenza por arbustos e coníferas (ver Araña europea del año, 2015). Non obstante, comparte rexión con catro arañas fantasma ou de saco* máis: a tamén común A. numida Simon, 1897 coincide algunhas veces no hábitat (árbores caducifolias) aínda que semella ter igual ou maior querenza por matogueiras húmidas, como as atlánticas, e terreos abertos.

Figura 1. Anyphaena accentuata femia nunha folla de carballo na provincia de Pontevedra. Amosa o patrón típico da especie no opistosoma.
Por rexistro fotográfico, hai unhas poucas citas en todas as provincias galegas excepto Ourense, e por exemplares de colección, tan só en Lugo (Barrientos et al; 2014).

Pero en Galicia hai tamén abondosos rexistros doutra especie, A. numida, sobre todo na metade norte:
Figura 2. Anyphaena numida femia atopada entrando nunha casa rodeada de vexetación baixa da provincia da Coruña. O patrón do opistosoma é lixeiramente diferente, pero moi pouco marcado neste exemplar.