31 de dezembro de 2015

A araña zoadora: araña europea do ano que se despide

Aínda que xa pasa, e xa pensando na araña europea do ano 2016, quería despedir un ano dedicado a unha especie excepcional:

A araña zoadora* Anyphaena accentuata (Walckenaer, 1802) ten en Galicia unha boa representación dos hábitats que prefire: troncos, pólas e follas en xeral de árbores caducifolias, e parece presentar menor querenza por arbustos e coníferas (ver Araña europea del año, 2015). Non obstante, comparte rexión con catro arañas fantasma ou de saco* máis: a tamén común A. numida Simon, 1897 coincide algunhas veces no hábitat (árbores caducifolias) aínda que semella ter igual ou maior querenza por matogueiras húmidas, como as atlánticas, e terreos abertos.

Figura 1. Anyphaena accentuata femia nunha folla de carballo na provincia de Pontevedra. Amosa o patrón típico da especie no opistosoma.
Por rexistro fotográfico, hai unhas poucas citas en todas as provincias galegas excepto Ourense, e por exemplares de colección, tan só en Lugo (Barrientos et al; 2014).

Pero en Galicia hai tamén abondosos rexistros doutra especie, A. numida, sobre todo na metade norte:
Figura 2. Anyphaena numida femia atopada entrando nunha casa rodeada de vexetación baixa da provincia da Coruña. O patrón do opistosoma é lixeiramente diferente, pero moi pouco marcado neste exemplar.
Fig. 2. Epixino fotografado en vivo do mesmo exemplar de A. numida, para a súa identificación, vemos que se asemella máis ao desta especie por ser algo máis amplo que na súa especie irmá (ver páxina belga-francesa de arañas e páxina suíza sobre Araneae).

Nunca foron publicadas observacións en Galicia das outras dúas especies posibles de atopar na Península Ibérica, e realmente non teño noticia de ningunha delas, pero sería posible que aparecese algún rexistro no futuro, polo que o estudo desta familia na comunidade galega pode seguir deparando sorpresas. A continuación podedes ver os seus nomes e tamén os seus hábitats:

Anyphaena sabina L. Koch, 1866: bosque mediterráneo.
Anyphaena alboirrorata Simon, 1878: piñeirais.

A pesar de pasar o ano, calquera información adicional sobre estas especies seguirá sendo benvida, tanto polo GIA, como polo boletín A Mobella e por min, pois todos estamos interesados a pesar da pouca actividade demostrada os últimos anos neste asunto. Por suposto, permaneceremos atentos ás novidades na estupenda páxina de Biodiversidad Virtual.

* Estes nomes son traducións do inglés buzzing spider para A. accentuata e phantom or sac spider para calquera da familia Anyphaenidae.


PD: A araña europea do ano 2014 foi: Lyniphia triangularis, os rexistros de colección son na Guarda (Pontevedra) e dous recentes no Courel e Pedrafita do Cebreiro (Lugo). Pero xa apareceron outros rexistros fotográficos nas mesmas provincias grazas a BV. A pesar dos limitados rexistros, trátase dunha araña moi común en toda a Península Ibérica, ligada a hábitats moi abondosos aquí, como son marxes de bosques. Pero necesita confirmación por xenitalia, motivo polo cal hai moi poucos rexistros.
Especies ata ese ano: Coméntoas na Mobella 19, páxs. 46-53

Sem comentários:

Enviar um comentário