22 de março de 2011

Cicindelas á saída do inverno

Esta tempada, imos recibir o introito da primavera ou "antroido", como dirían algúns paisanos do norte, cunhas máscaras terroríficas. Pois aínda que estamos afeitos ás bolboretís aparicións que anuncian o fin do inverno e recordan os disfraces do entroido de cara máis colorista e amable, tamén desta festa é propio o despertar das feras, coma o oso de Salcedo, ou dos espíritos malignos soterrados que fan a súa aparición tamén nesta festa, coma as negras e terroríficas máscaras vianesas ou calquera monstro que se recicla da festa do samaín-halloween. Así, tamén os escaravellos tigre saen do seu acubillo invernal para amosar as súas metálicas cores e terribles mandíbulas.
As cicindelas son unha das catro subfamilias de carábidos que están presentes nas nosas latitudes, son voadoras activas que asexan inquedas a súa presa cos seus enormes ollos, para alcanzala ao instante e darlle morte en poucos segundos coas súas temibles mandíbulas. Pero que comparta o nome do gran predador a raias, pode estrañar na cicindela campestre, non así nas especies de area (praia e ribeiras) que días desta semana facían aparición (19 e 20 de marzo) nas praias da Costa da Morte-Bergantiños:

Lophyra flexuosa, asollándose nunha duna, amosa o seu deseño atigrado.
Lophyridia littoralis exhibe as súas potentes mandíbulas, pegada ao chan e inmóbil para evitar o vento*.

Pero tampouco son desprezables as mandíbulas dunha parente próxima da cicindela campestre, a Cicindela maroccana, da que vemos un exemplar espreguizándose no oriente ourensán:
Cicindela cf maroccana ssp pseudomaroccana, espertando dunha fría noite do interior ourensán**.

Así, coloristas, metálicos e ameazantes, os deseños do entroido faunístico volverán como cada ano.
Tampouco quero deixar de lembrar a importancia de coñecermos os nosos artrópodos predadores terrestres, é bastante doado e contribuirá a coñecer mellor o estado de conservación dos nosos ecosistemas terrestres, o que din en definir como Hárpax. En canto a cicindelas, o que podemos agardar para Galicia, soamente son dúas máis, unha moi común e outra moi rara, soamente das praias da Mariña, que marco en vermello:

Cicindela transversalis Dejean, 1822 ssp. pseudoriparia Mandl, 1935
Cicindela campestris Linné, 1758 ssp. campestris
Cicindela maroccana Fabricius, 1801 ssp. pseudomaroccana Roeschke, 1891
Lophyridia littoralis (Fabricius, 1787) ssp. littoralis
Lophyra flexuosa (Fabricius, 1787)

Por último, e para rematar o disfraz, recordar que pode haber formas melánicas de varias especies (documentadas en Lophyridia littoralis, cando menos, pero temos indicios de melanismo tamén nas Cicindela spp).
Cicindela posiblemente melánica en Trevinca.***

* Localizada este ano grazas ao compañeiro do GN Hábitat, Manolo.
** Hai outra fotografía deste mesmo individuo nunha entrada anterior.
*** Ver tamén o comentado por Xosé Ramón na entrada de maio do ano pasado.

Sem comentários:

Enviar um comentário