1 de maio de 2011

Maio, mes das... arañas!

Grandes descoñecidas a nivel mundial, estímase que o grupo das arañas, os arácnidos, serían o 2º grupo de animais con máis especies despois dos insectos. O certo é que, en canto a especies coñecidas, os arácnidos, cunhas 65.000 especies, agora mesmo estarían algo por detrás dos moluscos, con máis de 70.000 especies, pero ningún dos dous tería rival nos insectos, con máis dun millón de especies coñecidas, e estiman que o seu estudo podería dar cifras de ata 8 veces máis.
Na Península Ibérica hai traballos exhaustivos publicados en localidades concretas, sobre todo dende finais do XIX, pero Galicia é unha das que está á cola en coñecemento de especies, como xa dixemos, con algo máis dunha centena de especies, moito menos cás mil trescentas descritas na Península, algunhas delas endémicas, outros elementos mediterráneos e africanos que elevan a diversidade ibérica con respecto ao centro e norte de Europa. A pesar de non chegar a Galicia os elementos africanos, si chegan os mediterráneos e algúns endemismos, aínda que está por ver en qué medida.
Pois ben, este ano maio é máis mes das arañas que nunca por dous motivos fundamentais:
Esta pequena e simpática Oxyopes sp; difícil de detectar e pouco
representada en Galicia ata o de agora (soamente por heterophtalmus)
podería sorprender con algunha nova especie para esta terra, sobre todo
se empezamos con proxectos sistemáticos coma o COBRA.



















1. Porque o método COBRA estandarizado para a mostraxe de arañas na Península Ibérica polo profesor Pedro Cardoso, establece maio e xuño como o período de maior diversidade, idóneo para colaborarmos ao coñecemento científico da entomofauna ibérica realizando un estudo de arañas na nosa zona.
Esta araña cangrexo Thomisius onustus, cun patrón de
coloración que pode resultar familiar, pero que non é dos
 máis frecuentes, recórdanos que a diversidade non é soamente
de especies. Hai varias especies que exhiben unha
 evidente variación de color, como por ex. a Pisaura mirabilis,
e unha maneira de aproximarnos a ela pode ser a fotografía.


















2. Porque os fotógrafo-naturalistas de BV establecen o mes de maio para enviar fotos deste mes a un concurso con premio en todo o territorio español: ver Mayo El mes de las arañas | Biodiversidad Virtual, que aínda que non permite a identificación das centenas de especies que poidan aparecer, si das máis aparentes.

Ninfa de Agelena sp. fotografada en abril deste ano,
como todas as fotografías anteriores.

E ademais, tamén maio é un bo mes para ir localizando as teas das Agelenas que nos valerán para enviar datos para a araña europea do ano 2011: Agelena labyrinthica, aínda que de momento non é útil a súa captura, pois a xenitalia non madurará ata o verán.
E por último, por recoñecer ao César o que é do César, en canto a diversidade hai que dicir que os insectos, os campións indiscutibles teñen en catro ordes maior número incluso que todo o grupo de arácnidos, cos seguintes números aproximados de especies descritas:
Lepidópteros (130.000), Himenópteros e Dípteros (150.000 cada unha) e 320.000 Coleópteros.
Ver revisión da Sociedad Entomológica Aragonesa.

Sem comentários:

Enviar um comentário