1 de dezembro de 2011

A araña europea do ano 2012: a araña cavernícola grande.


Este é o cartel elaborado polo GIA para a península ibérica, a versión en galego, na que se diferencia da especie máis semellante. 
Como é sabido, na granítica parte occidental de Galicia, excepto as salgadas covas submarinas e furnas, non hai covas naturais, pero si hai algunhas minas e túneis. Na parte oriental de Galicia, entre os estratos calcarios, xa aparecen cavidades naturais sen maior particularidade que no resto da Península Ibérica, polo que a pesar da ausencia coñecida de citas en Galicia (segundo Cardoso e Morano, 2010) tanto da araña cavernícola grande Meta menardi, como da araña cavernícola grande meridional (M. bourneti), agardamos que proximamente aparezan nas catro provincias galegas. Así, na nosa comunidade, haberá tamén outras primicias, a sumar as xa anotadas polos nosos colegas europeos (European Spider of the Year 2012), que traduzo aquí:
"Coa araña do ano 2012 prodúcense unha serie de primicias: unha nova familia de arañas (Tetragnathidae, arañas de grandes "mandíbulas"), un novo hábitat (covas) e un novo animal enlace do ano (é tamén animal cavernícola do ano). Pero vaiamos por partes; para comezar, unha breve untrodución da araña do ano: Meta menardi (Latreille, 1804), a araña cavernícola grande.
A araña cavernícola grande é unha das 955 especies de arañas de grandes quelíceros coñecidas por todo o mundo. En Europa temos 29 especies, e en Centroeuropa, 19.
A araña cavernícola grande Meta menarde ten unha ampla distribución xeográfica. Aparece en cavidades subterráneas a través da rexión Paleártica, coa excepción do Xapón. En Centroeuropa, atópase en rexións altas, normalmente, e é particularmente común en áreas kársticas coma os Alpes franceses ou suabos. A araña vive en covas subterráneas, sotos, minas e dentro de tuberías de pedra cunha humidade moderada e unha  temperatura constante de máis de 7 ºC. Evita as cavernas con alta humidade ou atravesadas por correntes de aire."
Outra especie coa que é posible confundila é a Metellina merianae (Scopoli, 1763), pero é máis pequena (de 5 a 9 mm), coa tea máis conspicua, pero coa mesma abertura central que teñen todas as tetragnátidas, e que habita en pequenas cavidades con auga:
Esta Metellina merianae foi fotografada en xullo no inferno dun muíño no sur do concello de Carballo.
"O apareamento nestas araña Meta ten lugar xeralmente a inicios do verán. Despois, dende mediados de xullo a inicios de agosto, a femia constrúe unha casula ("cocoon") de 2 a 3 cm de diámetro que pendura dun fío. A casula contén entre 200 e 300 ovos, que a femia vixía por tres meses ata a súa morte. Arredor do fin de agosto, o saco de ovos comeza a se desintegrar e as novas arañas son visibles na casula como pequenos puntuos negros. As arañas novas non deixan aínda a casula ata a primavera seguinte. A descendencia entón fai o seu camiño cara á entrada da cova, onde poden atoparse algúns días ou semanas. Algúns dos xuvenís viaxan dende aquí ata outros sistemas de galerías; o resto permanece na cova onde naceron. Deste xeito, a poboación dispérsase e mantense. A araña cavernícola grande
 Meta menardi acada unha idade de 2 a 3 anos, en contraste cona maior parte das nosas arañas autóctonas, que soamente viven un ano.
A rede dd 20 a 30 cm da araña cavernícola grande pode ser interpretarse como altamente rudimentaria (é dicir, unha tea orbicular cun centro aberto) e raramente se susa para capturar unha presa. Meta menardi tende a gastar moito tempo perto das paredes da cova, onde pode capturar cochinillas, escaravellos, cempés, diplópodos, bolboretas invernantes e outros pequenos animais; algunhas veces incluso caracois. Tipicamente, pendúraas da tea en pequenos fíos. Este comportamento cazador, sen dependencia da rede -que orixinalmente empregaba para capturar presas- pode verse coma unha adaptación da xenética do comportamento destes animais á vida nas covas..."
É das poucas arañas capaces de alimentarse de moluscos e de vivir máis dun ano. Curiosa bioloxía a desta araña de orbitela aberta, animádevos a participar. Se vedes algunha araña semellante, non dubidedes en contactar conmigo, ou co noso coordinador no GIA, Marcos Méndez, como outros anos.
E, por último, transmito tamén os mellores desexos do presidente do GIA pare este ano, con esta postal de nadal:



1 comentário: