12 de julho de 2012

De verán en verán, algo novo sobre odonatos galegos (xa van 54).

Con Aeshna isoceles Müller, 1767 xa son 54 as especies de odonatos en Galicia:
File:AeshnaIsocelesMale.jpg
Aeshna isoceles, macho. Unha fotografía semellante obtívose na Costa da Morte.
[Imaxe tomada da wikipedia, fotografada no Elba, no N da Alemaña]

Descubríaa Jorge Vilas a finais desta primavera, sobre a vexetación dun canal situada na Costa da Morte, como explica no seu  artigo publicado nos Arquivos Entomolóxicos.

En Europa, esta especie aparece en masas de auga estancadas ou tranquilas (dende canais ata marismas e lagos) con vexetación abundante. Sempre aparece localizada, moi ligada aos seus hábitats típicos, cunha distribución máis dispersa na parte occidental europea. Como se anticipaba na guía de libélulas da que falamos o verán anterior, era probable a súa aparición en Galicia por terse atopado en zonas próximas no N de Portugal e no oeste asturiano. De todos xeitos, era difícil adiviñar que aparecese nun punto tan distante.

Compilemos a información publicada:


O pasado verán falabamos da nova guía das libélulas de Galicia, que incorporaba especies nunca citadas nesta comunidade, pero próximas a esta (ata 62, que aínda que é difícil chegar a ese número, é bo saber delas por se acaso).

Anax parthenope (Sélys, 1839): Foi atopada no ano 2010 primeiro en Pontevedra e pouco despois en dous distantes puntos da provincia da Coruña, en encoros, barreiras e incluso un prado costeiro. Os autores explícano no artigo da revista Chioglossa.

Noutro tipo de hábitats, a altitudes sempre bastante superiores aos 1.000 msnm nas nosas latitudes, atopamos as 3 seguintes especies montesías:



Sympetrum flaveolum (Linnaeus, 1758): Atopada tamén no 2010 primeiro nas proximidades de Galicia en Sanabira, espazo onde xa fora citada hai anos, logo varias poboacións en Lugo e por último varias poboacións en Ourense. Esta especie sofre marcadas flutuacións sobre todo no extremo occidental da súa distribución. Ademais, ocupa hábitats moi dependentes da humidade anual: pequenas charcas estacionais que algúns anos poden non reter auga máis que uns días. Recordemos que ese e o anterior foron anos bastante chuviosos, o que puido facilitarlles máis hábitats. Na miña opinión, mentres non se siga mellor a especie, debería pensarse nas localidades recollidas como distribución potencial, pero non constante. O descubrimento en Galicia témolo ben recollido no artigo na revista Chioglossa.




Aeshna juncea (Linnaeus, 1758):

Esta especie atopábase no noroeste galego ata os anos 80, pero hoxe esa poboación considérase extinta. Non obstante, apareceron varias poboacións nas Serras Orientais galegas, tanto en Ourense como en Lugo, durante o ano 2011, como nolo narran os seus descubridores no artigo no boletín da SEA. Nas nosas latitudes, sempre frecuenta turbeiras ou lagoas e charcas ácidas, e ten un voo rápido, inquedo, incansable e agresivo, atacando incluso outros odonatos.




Lestes sponsa (Hansemann, 1823):

Descuberta tamén no 2011, ao mesmo tempo que a especie anterior, dous dos autores do anterior artigo tamén divulgan o achádego no seu blog de libeliñas galegas. De momento só atopada no oriente ourensán, aínda que en bo número e varias poboacións. Os seus hábitats son augas estancadas con vexetación alta de ribeira.



Nada máis que felicitar aos autores e colaboradores por proporcionarnos aos demais, estudosos, afeccionados e os principiantes, as pautas para seguir as evolucións das nosas especies e coñecer así mellor o estado do medio ambiente galego. Agardo que poidamos seguir aportando graniños de area para irmos construíndo o coñecemento da fauna odonatolóxica, coma estas libeliñas, ese emperador, aquel gaiteiriño e aqueloutro lavacú descubertos nos últimos tres anos como veciños nosos.

Sem comentários:

Enviar um comentário