21 de julho de 2010

Aracnidismo ou aracnofobia en Galicia?

Nestes días calorosos, de actividade e dispersión das arañas, sempre hai algún incidente que motiva a aracnofóbica pregunta de qué arañas son velenosas, base real ten no aracnidismo, ou efectos das picaduras das arañas, nos casos de arañas de medio a gran tamaño con veleno potente. En Galicia, estas dúas circunstancias conflúen raramente, e de feito, non me consta ningún caso que pase dunha dolorosa picadura, pero si aparecen varios candidatos a picaduras máis graves. Non obstante, hai que pensar que os asexadores arácnidos son moi pouco agresivos coas especies xigantescas coma os humanos, e como todos os xigantes, nós moi pouco susceptibles a picaduras de ananiños como son os arácnidos por estas latitudes. A pesar de ser un tema bastante pouco estudado, hai varias conclusións sobre a acción do veleno en varios grupos de tamaño medio a grande:
Loxoscelismo:
Trátase dunha picadura dolorosa cunha potente acción proteolítica que dana o tecido superficialmente matando as células dunha zona, e podendo necrosar e incluso gangrenar esa área, o que retarda moito a curación, incluso tardando máis de 2 meses en curar. En todo caso, só nas especies americanas, como a Loxosceles laeta, e non na ibérica Loxosceles rufescens, da que nin sequera se ten constancia en Galicia, hai casos graves, nas que incluso se tivo que amputar algún dedo, iso si, sempre como complicacións dunha reacción alérxica e moitas veces en persoas fumadoras.
Por que falo entón destes casos, primeiro americanos e logo da Iberia meridional, para aplicalo en Galicia? Ben, pois porque outra familia completamente diferente, os Miturgidae (antes dentro dos clubiónidos), posúe nas súas filas unhas especies grandes, das que é frecuente unha dolorosa picadura de lenta curación e veleno tóxico para as células e necrosante, pero da que non se coñecen complicacións importantes. O tamaño da araña é mediano, pero as súas mandíbulas desproporcionadas e coloración rechamante, avisan nesta Cheiracanthium punctorium, que incluso chega ao N de Europa. Aquí podedes ver un macho espectacular atopado na provincia de Pontevedra, e embaixo os seus quelíceros, capaces de atravesar a pel humana:

Obsérvense os poderosos quelíceros e os característicos tarsos e longo clythrum dos palpos deste macho.

20 de junho de 2010

Próxima charla sobre a bioloxía dos Odonatos en Galicia.



Este  venres , 25 de xuño, ás 21:00 no local do Grupo Naturalista Hábitat, situado na rúa Camariñas, nº 8, Baixo (zona da praza de Monte Alto), Adolfo Cordero falará sobre a bioloxía dos Odonatos en xeral, e en particular dunha especie de cabaliños do demo: "Selección sexual e conflito entre sexos de Calopteryx haemorrhoidalis", do que aquí tedes un macho:




Para unha recensión do autor, pego o anuncio que escribe o compañeiro do grupo, Ricardo:


"Dentro da actividade ENCONTROS NATURALISTAS contamos nesta ocasión coa participación de Adolfo Cordero Rivera, Licenciado en Bioloxía (1987) e doutor (1991) pola Universidade de Santiago, cunha tese sobre ecoloxía, xenética e comportamento de odonatos (Ischnura graellsii [ver foto superior]). Actualmente catedrático de Ecoloxía na Universidade de Vigo, mantendo varias liñas de investigación sobre organismos ligados ás augas epicontinentais, odonatos, anfibios e réptiles, en aspectos de ecoloxía evolutiva e da conservación. Tamén ten traballado sobre ecoloxía de pragas, en particular sobre o gurgullo do eucalipto e algunha praga do millo. É autor de máis dun centenar de publicacións, ten editado 4 libros, e dirixido 6 teses doutorais."
Ver cartel e anuncio no blog do GN Hábitat.

11 de junho de 2010

Solicitude do Grupo de Traballo de Lucánidos Ibéricos (Galicia)

O experto en xilófagos da Sección Entomolóxica do GNH, tamén con ampla experiencia na SGHN, Pablo Torrella, faime chegar un aviso para colaborarmos co GTLI e o seu coordinador Marcos Méndez, que está a levar xa dende hai anos un proxecto a nivel estatal. Como podedes ver no mapa de distribución que finalmente engadín, a zona da Costa da Morte e Bergantiños, o centro de Lugo e o oriente ourensán, zonas non pouco visitadas polo GN Hábitat, son zonas con moi poucos datos, así que animádevos a participar nun gran proxecto da SEA. Aquí tedes o envío practicamente orixinal do autor, só coa substitución dalgunha ligazón:

Solicitud de ayuda sobre Lucanidae gallegos
Galicia cuenta con cinco especies de Lucanidae (Coleoptera): Dorcus parallelepipedus L., Lucanus cervus L., Platycerus spinifer Schauffus, Pseudolucanus barbarossa Fabricius y Sinodendron cylindricum L. (AEGA - Inventario de especies gallegas). Al menos dos de ellas, D. parallelepipedus y L. cervus, están presentes en las cuatro provincias gallegas (Tabla 1, Fig. 1), mientras que P. spinifer está presente en menos de 15 cuadrículas de 10 x 10 km (GTLI, datos no publicados) y para P. barbarossa y S. cylindricum sólo existen unas pocas citas (López Vaamonde et al., 1993; GTLI, 2003, 2006).

27 de maio de 2010

Máis arácnidos e micropredadores no oriente ourensán

Un grupo de naturalistas reunímonos en Valdeorras para aprezar, ademais de inigualables paisaxes calcarias, aldeas e explotacións agrarias tradicionais, o punto quente de diversidade que constitúe o Parque Natural de Enciña da Lastra, hoxe ameazado por unha mal trazada e pouco necesaria autoestrada. O motivo principal destes chamados training days foi a especial concentración de diversidade de bolboretas diúrnas (vimos 44 especies o mesmo día: entre licénidos, piéridos, ninfálidos, papiliónidos e hespéridos) e unha decea de especies de orquídeas, algo que non se ve tódolos días. Pero non é a miña intención tratar agora toda esa diversidade tan vistosa, nin sequera as bolboretas, que nos amosaba e explicaba o noso experto Rafael Estévez, e da que non puiden resistir facer máis dun centenar de fotos; senón fixarme na notable fauna de predadores invertebrados, como os arácnidos, que proliferan ao asexo de tan diversa cadea trófica.
Xa na primeira parede calcaria, sorprendeume un arácnido cribelado mediterráneo Uroctea durandi, que grazas á entomóloga Belén que nos acompañaba, puiden recoñecer no propio campo, pois a miña guía do N de Europa non me axudaba demasiado con ela. Esta sorprendente araña envolvía unha presa que parecía unha chinche manexando con tal arte os seus peites das patas que evocaba ás tecedeiras locais, adornada no seu abdome con rechamantes lunares amarelos. Velaí a secuencia de caza deste urocteido lapidícola (obsérvese o peite dos tarsos na súa pata posterior dereita):
E deixando á Uroctea na súa madrigueira, e aos seus veciños sexéstridos invaden os furados das pedras calcarias cos seus tobos de tea; no chan tiñamos algún pequeno gnafósido como este negrísimo Zelotes:

Voando por todas partes tiñamos tamén un predador aéreo, o neuróptero Libelloides baeticus, en posición recollida:

5 de maio de 2010

Arácnidos no oriente ourensán

Esta fin de semana, escollín o oriente ourensán para repasar algunhas especies pouco vistas por calquera dos que habitamos no húmido occidente galego, nunha época na que as xeadas e a neve deberían pasar á historia, aínda que ameazaba neve este luns 3 de maio nalgúns puntos altos (ignoro se finalmente nevou na zona montana prospectada, aínda que supoño unha lixeira nevarada tería pouco impacto sobre os nosos pequenos amigos). Primeiro quería espoñer unhas fotografías de especies dos únicos xéneros de licósidos tratados ata agora neste blog: Alopecosa e Arctosa.
En Viana do Bolo, ao lado dunha charca coas ribeiras areosas, no alto dun fresco monte, pero moi asollado, con lavercas cantando de continuo, frecuentes trigueiróns, grallas pequenas, abellarucos,... deixáronse ver os dous xéneros mencionados, moi amantes da area:


Alopecosa accentuata: Como caracteres do xénero, o branco da posta distíngueo a primeira vista dunha Pardosa, o tamaño bastante grande só nos deixa a posibilidade duns poucos xéneros, pero de seguida chama a atención a mancha "cardíaca" do abdome, moi marcada en escuro cun reborde claro, típico carácter do xénero. Esta especie, ten ademais esta mancha bordeada en negro cun deseño característico con 2 prolongacións a ambos lados, moi acentuada, como indica o seu epíteto específico.


Arctosa perita: cun tamaño moi inferior a algunhas atopadas na mesma época na praia, e unha coloración moito máis clara, que nos abre problemas ecolóxicos do seu ciclo vital ou da súa forma. Nesta fotografía as espiñas das patas non se observan con claridade, pero pódese identificar o xénero Arctosa polos ollos traseiros, dirixidos practicamente cara arriba, característica exclusiva deste xénero. As patas aneladas e o deseño de cefalotórax e abdome reforzan a identificación da especie.

27 de abril de 2010

Esteiro do Anllóns: explosión primaveral

Este ano as poboacións de Eurynebria complanata parecen un pouco afectadas polos temporais, con menor número de larvas e poida que algunha alteración do seu ciclo. Parece que se adiantase a metamorfose practicamente un mes con respecto a outros anos, resultando pois o período de metamorfose observado nesta parte da costa dende fins de marzo ata inicios de maio, dependendo o ano.
As arañas Arctosa perita tamén semellan menos abondosas que o ano anterior, pero as sobrevivintes de coloración clara xa teñen un bo tamaño, como este exemplar, un macho (palpos cónicos e ausencia de epixino, noutras fotos) de máis de 85 mm, medida extraordinariamente grande para a especie, identificada polas dimensións do caparazón, as manchas neste e no abdome, ademais do listado das patas:

Non obstante, tamén había outras de bastante menor tamaño e coloración moi escura con características propias da especie Arctosa perita, cousa que aínda está en estudo.
Na zona de dunas, os predadores máis visibles eran as cicindelas, como esta Lophyra flexuosa, que se contaba por decenas.

6 de abril de 2010

Primeiros brotes e comezo de tempada

Levamos máis dun mes dende as primeiras flores (prímulas, violetas, froiteiras...), uns 20 días dende as primeiras follas dos salgueiros e xa con máis diversidade de plantas, máis follas (os carballos agardaron a rebentar os seus gromos ata a primeira semana de abril por aquí), xa comezamos a ter algún insecto máis que os primeiros dípteros polinizadores. Ademais de máis polinizadores, moitos predadores prepáranse para o ataque. Aquí temos algúns exemplos vistos en varios lugares do val do Tea (Ponteareas):
Pardosa hortensis (?): esta pequena araña licósida é de difícil identificación, pois o seu xénero, doadamente distinguible pola forma do seu caparazón e as súas patas posteriores con serdas máis longas, require moitas veces a observación da súa xenitalia. A franxa dorsal irregular e as laterais interrompidas do seu caparazón, o deseño claro do seu abdome, as patas aneladas, a época e o hábitat sobre zona húmida permítennos aventurar a identificación da especie sen chegar a matala.
Pyrrhosoma nymphalis: Esta femia deste ben distribuído platicnémido, acaba de completar a súa metamorfose e xa andaba ao asexo nunha fonte, seguramente de onde ela procedía.