5 de maio de 2010

Arácnidos no oriente ourensán

Esta fin de semana, escollín o oriente ourensán para repasar algunhas especies pouco vistas por calquera dos que habitamos no húmido occidente galego, nunha época na que as xeadas e a neve deberían pasar á historia, aínda que ameazaba neve este luns 3 de maio nalgúns puntos altos (ignoro se finalmente nevou na zona montana prospectada, aínda que supoño unha lixeira nevarada tería pouco impacto sobre os nosos pequenos amigos). Primeiro quería espoñer unhas fotografías de especies dos únicos xéneros de licósidos tratados ata agora neste blog: Alopecosa e Arctosa.
En Viana do Bolo, ao lado dunha charca coas ribeiras areosas, no alto dun fresco monte, pero moi asollado, con lavercas cantando de continuo, frecuentes trigueiróns, grallas pequenas, abellarucos,... deixáronse ver os dous xéneros mencionados, moi amantes da area:


Alopecosa accentuata: Como caracteres do xénero, o branco da posta distíngueo a primeira vista dunha Pardosa, o tamaño bastante grande só nos deixa a posibilidade duns poucos xéneros, pero de seguida chama a atención a mancha "cardíaca" do abdome, moi marcada en escuro cun reborde claro, típico carácter do xénero. Esta especie, ten ademais esta mancha bordeada en negro cun deseño característico con 2 prolongacións a ambos lados, moi acentuada, como indica o seu epíteto específico.


Arctosa perita: cun tamaño moi inferior a algunhas atopadas na mesma época na praia, e unha coloración moito máis clara, que nos abre problemas ecolóxicos do seu ciclo vital ou da súa forma. Nesta fotografía as espiñas das patas non se observan con claridade, pero pódese identificar o xénero Arctosa polos ollos traseiros, dirixidos practicamente cara arriba, característica exclusiva deste xénero. As patas aneladas e o deseño de cefalotórax e abdome reforzan a identificación da especie.


Xa nunha zona moito máis decantada á transición ao clima mediterráneo, o val de Monterrei, próximo a Oímbra, nun val fluvial, atopamos a Alopecosa albofasciata, cun deseño ventral espectacular aínda que pouco coñecido:


Por certo, que o deseño dorsal do mesmo individuo era este:


Un pouco máis arriba, subindo a ladeira, nunha zona con xabre e grixo, atopamos un tobo de verdadeira tarántula (Lycosa tarantula), que conseguimos atraer brevemente e ver o seu ventre laranxa intenso cunha banda cruzándoo transversalmente, grazas á técnica aprendida por Cosme (ver a técnica en acción no blog do GRUPO NATURALISTA HABITAT: Training days en Ourense). Era o remate da xornada e a paciencia rematóusenos para voltar sacar do seu tobo a gran araña e facerlle unha boa fotografía ventral, polo demais idéntica á araña, mellor fotografada nos training days. Así que o encarnado ventre que lle valeu o nome de fasciiventris, entre os moitos que recibiu, quedará para outro día con máis sorte.

Tobo da gran araña lobo, ou tarántula Lycosa tarantula.
Pero nada comparable en tamaño ao escorpión (Buthus occitanus) que atoparamos unhas horas antes baixo unha gran pedra nunha zona bastante seca da pista:
Non é algo frecuente de ver en Galicia.
Nin que dicir ten que esta zona dá para moito máis, dende fotoxénicos vertebrados como a gatafornela (Cyrcus cyaneus), a raniña de San Antón (Hyla arborea) ata ameazantes miniaturas como esta forte Cicindela sp. amosando un curioso estiramento das súas hipertrofiadas mandíbulas, despois de saír do seu sono invernal de crisálida na montaña vianesa, como se aprecia nos brandos élitros:

2 comentários:

  1. Ola, son Xosé Ramón de Verín, é un pracer ver publicadas estas cousiñas
    Vou aproveitar para enviarche un enlace dunha foto dunha Cicindela para identificar -por prequiza-, é o seguinte:
    http://picasaweb.google.com/trambolosrios/TrainingDaysVerin24E25DeAbril2010#5466256868059644130
    Foi feita durante os training-days de Verín
    Por certo, parabéns polo blogue, adhírome
    Saúdos

    ResponderEliminar
  2. Ben, confésoche que a última foto púxena máis decorativamente, non me parei nada na identificación, pero non é imposible que teñamos Cicindela maroccana, aínda que como di a clave xermana que manexo (Trautner & Geigenmüller'87), só é diferenciable de seguro pola xenitalia do macho... Por iso o tema é tan difícil.
    Deixámolo en Cicindela sp; logo. Falamos máis por mail.

    ResponderEliminar