Este ano as poboacións de Eurynebria complanata parecen un pouco afectadas polos temporais, con menor número de larvas e poida que algunha alteración do seu ciclo. Parece que se adiantase a metamorfose practicamente un mes con respecto a outros anos, resultando pois o período de metamorfose observado nesta parte da costa dende fins de marzo ata inicios de maio, dependendo o ano.
As arañas Arctosa perita tamén semellan menos abondosas que o ano anterior, pero as sobrevivintes de coloración clara xa teñen un bo tamaño, como este exemplar, un macho (palpos cónicos e ausencia de epixino, noutras fotos) de máis de 85 mm, medida extraordinariamente grande para a especie, identificada polas dimensións do caparazón, as manchas neste e no abdome, ademais do listado das patas:
Non obstante, tamén había outras de bastante menor tamaño e coloración moi escura con características propias da especie Arctosa perita, cousa que aínda está en estudo.
Na zona de dunas, os predadores máis visibles eran as cicindelas, como esta Lophyra flexuosa, que se contaba por decenas.
Os carábidos desta vez apareceron na zona de dunas e próximos á xunqueira eran os coñecidos Harpalus neglectus e Calathus mollis entre outros aínda por identificar.
Outros licósidos menores poboaban tanto o areal como a ribeira herbosa do Anllóns, transportando postas gris-azuladas ou apostándose á beira dos charcos, todos identificados como do complexo xénero Pardosa. Pero quizais máis vistoso era este exemplar de pisáurido, Pisaura mirabilis, dunha coloración moi clara. Nótese a curiosa disposición dos ollos, polo demais idénticos aos dun licósido, baixo este ángulo de fotografía:
E por último, as bolboretas non deixan de sorprender co seu variado catálogo, sorprendéndonos esta vez dous exemplares noviños de Eupydrias aurinia (ninfálido) femia e unha Erynnis tages (hespérido), esta última cun deseño moi delicado, polo que aínda está por confirmar a identificación por un experto. Preséntanse a continuación os exemplares das dúas especies:
Tamén unha moi gastada e sobrevivinte do ano anterior Inachis io (ninfálido):
27 de abril de 2010
Subscrever:
Enviar feedback (Atom)
Sem comentários:
Enviar um comentário