6 de abril de 2010

Primeiros brotes e comezo de tempada

Levamos máis dun mes dende as primeiras flores (prímulas, violetas, froiteiras...), uns 20 días dende as primeiras follas dos salgueiros e xa con máis diversidade de plantas, máis follas (os carballos agardaron a rebentar os seus gromos ata a primeira semana de abril por aquí), xa comezamos a ter algún insecto máis que os primeiros dípteros polinizadores. Ademais de máis polinizadores, moitos predadores prepáranse para o ataque. Aquí temos algúns exemplos vistos en varios lugares do val do Tea (Ponteareas):
Pardosa hortensis (?): esta pequena araña licósida é de difícil identificación, pois o seu xénero, doadamente distinguible pola forma do seu caparazón e as súas patas posteriores con serdas máis longas, require moitas veces a observación da súa xenitalia. A franxa dorsal irregular e as laterais interrompidas do seu caparazón, o deseño claro do seu abdome, as patas aneladas, a época e o hábitat sobre zona húmida permítennos aventurar a identificación da especie sen chegar a matala.
Pyrrhosoma nymphalis: Esta femia deste ben distribuído platicnémido, acaba de completar a súa metamorfose e xa andaba ao asexo nunha fonte, seguramente de onde ela procedía.


Que é época de metamorfose para moitos podémolo ver nos seguintes exemplos de insectos:

Larva de satírido (por identificar especie): foi recollida do camiño.


Pupa de coleóptero (sen identificar): poida que dalgún xilófago, pois estaba na terra baixo un tronco.


Callophrys rubi: Había máis de cinco exemplares deste bonito licénido verde, con especial querenza polas plantas do mato da zona como este toxo (e xestas, queirugas, carqueixas e incluso sobre tenras follas de eucalipto). Nótese o espontáneo homeóptero ou cigarriña.

Glaucopsyche melanops:* esta azul licénida tamén era abundante na zona, parando case con exclusividade nas flores das queirugas de cruz (Calluna vulgaris). A continuación colgo unhas mellores fotos destes mesmos animais.
*Identificado correctamente por José Álvarez Gándara, xa que un anda xusto de bibliografía lepidopterolóxica. Graciñas.

Sem comentários:

Enviar um comentário