2 de dezembro de 2009

As arañas lobo ou licósidas I. Xéneros Alopecosa e Arctosa

O primeiro que chama a atención nun arácnido licósido é a súa mirada de 8 ollos, dispostos como nos pisáuridos, 4 pequenos na fila dianteira, 2 grandes, na liña media-frontal e 2 grandes a medios na liña traseira, dirixidos cara aos lados ou cara arriba. A disposición dos ollos da liña traseira poden axudar a identificar algún xénero.

O cefalotórax é largo, moitas veces cun motivo central máis claro en forma de liña, uve, tridente,... segundo xénero e especie.
O abdome é voluminoso, posuíndo moitas veces unha marca cardíaca con formas variadas, importantes para a identificación de xénero ou especie.
A bioloxía destas arañas inclúe unha posta enredada en fina e preta seda, unha casula globosa que protexe os ovos e válelle de transportín á araña femia, que leva prendido aos seus filamentos anais. Isto é frecuente observalo no verán, excepto nos xéneros Alopecosa e Arctosa, os cales adoitan fabricar túneles que estabiliza con seda. Nos dous casos a posta sería branca, pero en Alopecosa gárdaa ao pouco de fabricala, e Arctosa fabrica o túnel en area solta con tanto fío que doadamente se confundirá a posta con este.

19 de novembro de 2009

Introdución ao Proxecto Hárpax: os micropredadores terrestres

A cúspide trófica dun ecosistema, a aristocracia que se cobra o décimo, a mellor colleita do ecosistema, é moitas veces o que, por esixente, paga antes as consecuencias da degradación ambiental (perda de superficie, de certas especies ou contaminación bioacumulativa no seu hábitat). Estamos afeitos a ve-los vertebrados como os duques da cadea evolutiva, e por tamaño e relacións tróficas, é normal que así sexa. Pero existe un microcosmos natural de complexidade incluso maior cá parte vertebrada máis aparente: os artrópodos. Se imaxinamos que estes non existisen, os pequenos ladróns que bulen polo chan e voan inquedos alimentándose doutros artrópodos e de moluscos herbívoros, convírtense na aristocracia dos predadores, as rapinas deses microcosmos (rapaz, ladrón: en grego hárpax, raíz que deu nome a non poucas especies). É por iso que pensamos que a entomofauna predadora do solo require un fondo coñecemento para avalialos como indicadores dos diferentes ecosistemas galegos. Somos conscientes de que esa é unha misión ardua, así que decidimos cinguirnos soamente a dous grupos, os que presentan especies de maior tamaño, que así facilitarán a súa distinción aos voluntarios: os licósidos e os carábidos. Certo é que hai miriápodos e escorpións de considerable tamaño, pero dada a dificultade de distinción dos primeiros e a rareza dos segundos, prefirimos pospoñer o seu estudo. Dentro das arañas, hai tanta diversidade de familias e tantas especies de gran tamaño, que sempre é un pouco arbitrario escoller un grupo, pero comezamos polos licósidos por ser especies en xeral grandes ligadas ao solo e moitas veces activas e visibles nos días estivais e primaverais.

2 de novembro de 2009

Presentación da SEGNH


Este venres 30 de outubro, como Encontro Naturalista, celebramos no local do grupo a presentación da Sección Entomolóxica, a cargo de Pablo Torrella e Pablo Carballo, membros (re)fundadores desta e na que falamos sobre a situación da entomoloxía no grupo, os problemas na conservación dos artrópodos en Galicia (unha pequena posta en común) salientando as obvias deficiencias dos Catálogos de Especies Ameazadas como síntoma de que algo se está a facer mal e a necesaria Estratexia Galega para a Conservación dos Artródodos. Máis tarde, Pablo Carballo resumiu os principais aspectos da ecoloxía da poboación de Eurynebria complanata que está a ser seguida na Costa da Morte. Por último, Pablo Torrella deunos algunhas claves para o estudo dos xilófagos, charla na que amosou un bo coñecemento da bioloxía de varios cerambícidos, lucánidos e un escaraboideo. Foi un encontro practicamente en familia, polo que pensamos non quedou ningunha pregunta por respostar, pero si moitos proxectos por realizar:
- Proxecto Eurynebria: quedan uns 8 meses para completa-lo ciclo anual de seguemento das poboacións dunares de artrópodos (coleópteros, hemípteros, lepidópteros, arácnidos, coleópteros, neurópteros,...).


- Proxecto Xilófagos: a madeira morta de moitos lugares da Coruña e Galicia agardan para descubri-los seus valores entomolóxicos.

- Proxecto Hárpax: Establecer os depredadores indicadores dos principais ecosistemas galegos, sobre todo carábidos e arácnidos licósidos. Protocolo por establecer.

- Proxecto Odonata: Sondaxe dos odonatos dos principais humidais coruñeses (Braña Rubia, Coristanco) e galegos. (ver aquí)

27 de setembro de 2009

Saída ao Mandeo

Aproveitando a saída realizada á presa de Gomil, no alto Mandeo, en Aranga, fixemos un transecto de 5 km sobre as instalacións da presa hidroeléctrica, polo que a pesar de estar rodeados de fraga caducifolia, non puidemos ver máis que a fauna que se refuxiaba ou cruzaba o camiño de terra seca. Inda así, vimos insectos de grupos variados, como a ameazada libeliña gómfida: Onychogomphus uncatus, (ver á dereita) considerada Vulnerable no "Libro Rojo", e propia de cursos de auga asollados, neste caso o máis próximo era a canle da presa. Sorprendeunos tamén unha verdísima chicharra (polo menos moi parecida á Ephippiger ephippiger), (ver á dereita), conxunto de ortópteros máis diversos e aparentes en zonas mediterráneas.
Tamén fixeron aparición algúns escaravellos do chan, baixo pedras do camiño: un Chrysocarabus lineatus lateralis, dous Petrophilus brevipennis (ver á dereita), un dos carábidos forestais máis abondosos en Galicia.

4 de setembro de 2009

Alcaián, verán 2009

O día 19 de xullo de 2009, un grupiño de Hábitat fixemos unha saída neste espazo natural, que non sabemos en que limbo administrativo quedou a proposta de ampliación da RN 2000, e fixemos un pequeno varrido fotográfico da entomofauna, flora e algún anfibio -iso que agora chaman testing. En canto ao primeiro dos puntos, obxecto destas páxinas do diario electrónico (ou blog), destaco o seguinte, compridamente clasificado:

ARANEAE
Lycosidae
Pirata tenuitarsis, araña parcialmente acuática (ver á esquerda), determinada por unha experta de Insectarium Virtual.
Pardosa agricola: araña das ribeiras.

Pisauridae
Pisaura mirabilis: Esta especie é tan variable na coloración, que de seguro temos un exemplar único (ver dereita).

Agelenidae
Tegenaria sp (no alto do monte, nunha zona menos húmida)

Araneidae
Argiope bruennichi (ver embaixo)

Tetragnathidae
Tetragnatha extensa Alimentábase dos pequenos coenagriónidos (ver á esquerda)
Salticidae
Evarcha arcuata
ODONATA
Anisoptera:
Libellulidae:
Libellula quadrimaculata (1ª lagoa) ver á dereita.
(posiblemente tamén Libellula depressa xa que foron vistos varios individuos semellantes pero azuis na 2ª lagoa. Non puideron ser fotografados) .
Zygoptera:
Coenagrionidae:
Ceriagrion tenellum (1ª e 2ª lagoa) -ver á dereita dous exemplares apareándose.
Enallagma cyanthigerum -1ª lagoa, ver embaixo un macho. Na entrada anterior aparece a femia. Tamén na 2ª había coenagriónidos azuis que non foron identificados.






Lestidae:
Lestes viridis (1ª lagoa), ver un exemplar á esquerda.




MECOPTERA:
Panorpidae: Panorpa sp (ou communis ou meridionalis, só é diferenciable o macho e atopamos unha femia). Á dereita vemos esa femia "degustando" unha formiguiña negra.


LEPIDOPTERA:

Satyridae
"Loba" Maniola jurtina
"Ninfa perlada" Coenonympha gycerion (a que non se amosaba máis que de lado e tiña un ocelo na á superior e 6 na inferior)
"Medioloito setentrional" Melanargia lachesis
Despois tamén vin algún hespérido claro (Ochlodes venatus?), varios satíridos máis, algún ninfálido: a "nacarada" Argynnis paphia, e poida que algunha Aglais urticae que andaba nos cardos, inda que poida que algunha fose Vanessa cardui (vímolas un pouco rápido), algún licénido azul, etc.

18 de agosto de 2009

Un gran mundo de pequenas incógnitas

Persoalmente, os motivos que me levan a impulsar certos proxectos entomolóxicos no seo do Grupo Naturalista Hábitat, son:

1. A ciencia segue a construírse, a entomoloxía tamén
A consideración do estudo dos atrópodos coma un campo fértil para investigar os ecosistemas e poñer a funcionar libremente o método científico e a nosa experiencia de campo. Quizais demasiado fértil para min, xa que aínda teño moito que aprender dos entomólogos, a diferenza doutros compañeiros do grupo, que me aprenden non poucas cousas no campo e en calquera charla informal. Bibliografía en inglés no mellor dos casos, eternas buscas na web que queiman as pestanas son o desagradecido, pero necesario, complemento individual.

2. O territorio
Contribuír a atraer a Galicia a investigación entomolóxica, seguindo a senda doutros (AEGAweb, ANABAM, SGHN, etc., por non citar presoeiros, que por fortuna hai bastantes que traballaron nesta terra), será un dos obxectivos destas páxinas.

3. A cultura
Quitando uns poucos iniciados, sabemos que para a maior parte das persoas, os artrópodos terrestres, dos que nos ocuparemos, son algo anoxante e un problema a eliminar. Aqueles iniciados poden ser dende apicultores ata científicos, pasando por cultivadores da seda, pescadores á busca de cebo, etc. Pero como isto é longo de argumentar e a solución non é máis que a cultura acumulada durante anos, recorro ao doado argumento decimonónico da beleza e das curiosidades ou variedades descoñecidas (actualmente prefírese o tecnicismo "biodiversidade" para que o común da xente imaxine un xardín florido), da que damos unha mostra da riqueza de especies galega coa imaxe que acompaña o texto: unha femia do cabaliño do demo Enallagma cyanthigerum, de delicada beleza, sobre a non menos bonita Erica tetralix. Deleitarse da estética natural nunca sobra para conmover sensibilidades, inda que non sexa un obxectivo en si.

Saúde e natureza

de parte de Pablo Carballo