27 de maio de 2010

Máis arácnidos e micropredadores no oriente ourensán

Un grupo de naturalistas reunímonos en Valdeorras para aprezar, ademais de inigualables paisaxes calcarias, aldeas e explotacións agrarias tradicionais, o punto quente de diversidade que constitúe o Parque Natural de Enciña da Lastra, hoxe ameazado por unha mal trazada e pouco necesaria autoestrada. O motivo principal destes chamados training days foi a especial concentración de diversidade de bolboretas diúrnas (vimos 44 especies o mesmo día: entre licénidos, piéridos, ninfálidos, papiliónidos e hespéridos) e unha decea de especies de orquídeas, algo que non se ve tódolos días. Pero non é a miña intención tratar agora toda esa diversidade tan vistosa, nin sequera as bolboretas, que nos amosaba e explicaba o noso experto Rafael Estévez, e da que non puiden resistir facer máis dun centenar de fotos; senón fixarme na notable fauna de predadores invertebrados, como os arácnidos, que proliferan ao asexo de tan diversa cadea trófica.
Xa na primeira parede calcaria, sorprendeume un arácnido cribelado mediterráneo Uroctea durandi, que grazas á entomóloga Belén que nos acompañaba, puiden recoñecer no propio campo, pois a miña guía do N de Europa non me axudaba demasiado con ela. Esta sorprendente araña envolvía unha presa que parecía unha chinche manexando con tal arte os seus peites das patas que evocaba ás tecedeiras locais, adornada no seu abdome con rechamantes lunares amarelos. Velaí a secuencia de caza deste urocteido lapidícola (obsérvese o peite dos tarsos na súa pata posterior dereita):
E deixando á Uroctea na súa madrigueira, e aos seus veciños sexéstridos invaden os furados das pedras calcarias cos seus tobos de tea; no chan tiñamos algún pequeno gnafósido como este negrísimo Zelotes:

Voando por todas partes tiñamos tamén un predador aéreo, o neuróptero Libelloides baeticus, en posición recollida:

5 de maio de 2010

Arácnidos no oriente ourensán

Esta fin de semana, escollín o oriente ourensán para repasar algunhas especies pouco vistas por calquera dos que habitamos no húmido occidente galego, nunha época na que as xeadas e a neve deberían pasar á historia, aínda que ameazaba neve este luns 3 de maio nalgúns puntos altos (ignoro se finalmente nevou na zona montana prospectada, aínda que supoño unha lixeira nevarada tería pouco impacto sobre os nosos pequenos amigos). Primeiro quería espoñer unhas fotografías de especies dos únicos xéneros de licósidos tratados ata agora neste blog: Alopecosa e Arctosa.
En Viana do Bolo, ao lado dunha charca coas ribeiras areosas, no alto dun fresco monte, pero moi asollado, con lavercas cantando de continuo, frecuentes trigueiróns, grallas pequenas, abellarucos,... deixáronse ver os dous xéneros mencionados, moi amantes da area:


Alopecosa accentuata: Como caracteres do xénero, o branco da posta distíngueo a primeira vista dunha Pardosa, o tamaño bastante grande só nos deixa a posibilidade duns poucos xéneros, pero de seguida chama a atención a mancha "cardíaca" do abdome, moi marcada en escuro cun reborde claro, típico carácter do xénero. Esta especie, ten ademais esta mancha bordeada en negro cun deseño característico con 2 prolongacións a ambos lados, moi acentuada, como indica o seu epíteto específico.


Arctosa perita: cun tamaño moi inferior a algunhas atopadas na mesma época na praia, e unha coloración moito máis clara, que nos abre problemas ecolóxicos do seu ciclo vital ou da súa forma. Nesta fotografía as espiñas das patas non se observan con claridade, pero pódese identificar o xénero Arctosa polos ollos traseiros, dirixidos practicamente cara arriba, característica exclusiva deste xénero. As patas aneladas e o deseño de cefalotórax e abdome reforzan a identificación da especie.