O cefalotórax é largo, moitas veces cun motivo central máis claro en forma de liña, uve, tridente,... segundo xénero e especie.
O abdome é voluminoso, posuíndo moitas veces unha marca cardíaca con formas variadas, importantes para a identificación de xénero ou especie.
A bioloxía destas arañas inclúe unha posta enredada en fina e preta seda, unha casula globosa que protexe os ovos e válelle de transportín á araña femia, que leva prendido aos seus filamentos anais. Isto é frecuente observalo no verán, excepto nos xéneros Alopecosa e Arctosa, os cales adoitan fabricar túneles que estabiliza con seda. Nos dous casos a posta sería branca, pero en Alopecosa gárdaa ao pouco de fabricala, e Arctosa fabrica o túnel en area solta con tanto fío que doadamente se confundirá a posta con este.
Alopecosa:
Tamaños de 7 a 12 mm. Machos con tamaño un ou dous milímetros inferior ás femias.
Os ollos frontais dirixidos lixeirísimamente cara arriba e os laterais claramente cara a ambos lados (cefalotórax pouco anguloso de perfil).
O cefalotórax presenta unha banda ancha clara.
O abdome presenta unha marca cardíaca escura contrastada sobre fondo ou con reborde claro, de cores pardo a gris variados segundo as especies.
As patas teñen abundante pilosidade.
Posta de cor branca, gárdaa ao pouco de ser fabricada nunha galería.
En Galicia hai citas das 3 especies seguintes: A. accentuata, pulverulenta e simoni.
Arctosa:
Tamaños de 7 a 17 mm. Os machos tamén son de 1-3 mm menores.
Os ollos frontais dirixidos claramente cara adiante, xusto no ápice do cefalotórax, que se observa anguloso dende o lateral. Os ollos da liña traseira están dirixidos cara arriba e a ambos lados.
O cefalotórax é aplanado pero dirixido cara adiante e cun deseño uniforme ou pouco contrastado, sen liña central, pero si deseño radial e manchas a ambos lados. Visto de fronte, ten unha acusada forma de trapecio.
O abdome presenta dúas ringleiras de manchas paralelas a ambos lados de tamaño desigual e variado colorido en negro, gris, pardo ou branco.
Ás tibias III e IV fáltalles unha ríxida espiña dorsal, tendo só unha no seu terzo distal, acompañadas dos dous pares de espiñas laterais.
A casula da posta é branca, pero normalmente incluída no túnel que fabrican no seu medio: a area.
En Galicia hai citas confirmadas das 4 seguintes especies: A. cinerea, leopardus, perita e villica.
A Arctosa perita, aquí amosamos unha forma realmente pálida, frecuente nas praias galegas mellor conservadas.
Ver traballo de Barrientos (2006) para o xénero Arctosa:
Sem comentários:
Enviar um comentário