Nestes días calorosos, de actividade e dispersión das arañas, sempre hai algún incidente que motiva a aracnofóbica pregunta de qué arañas son velenosas, base real ten no aracnidismo, ou efectos das picaduras das arañas, nos casos de arañas de medio a gran tamaño con veleno potente. En Galicia, estas dúas circunstancias conflúen raramente, e de feito, non me consta ningún caso que pase dunha dolorosa picadura, pero si aparecen varios candidatos a picaduras máis graves. Non obstante, hai que pensar que os asexadores arácnidos son moi pouco agresivos coas especies xigantescas coma os humanos, e como todos os xigantes, nós moi pouco susceptibles a picaduras de ananiños como son os arácnidos por estas latitudes. A pesar de ser un tema bastante pouco estudado, hai varias conclusións sobre a acción do veleno en varios grupos de tamaño medio a grande:
Trátase dunha picadura dolorosa cunha potente acción proteolítica que dana o tecido superficialmente matando as células dunha zona, e podendo necrosar e incluso gangrenar esa área, o que retarda moito a curación, incluso tardando máis de 2 meses en curar. En todo caso, só nas especies americanas, como a Loxosceles laeta, e non na ibérica Loxosceles rufescens, da que nin sequera se ten constancia en Galicia, hai casos graves, nas que incluso se tivo que amputar algún dedo, iso si, sempre como complicacións dunha reacción alérxica e moitas veces en persoas fumadoras.
Por que falo entón destes casos, primeiro americanos e logo da Iberia meridional, para aplicalo en Galicia? Ben, pois porque outra familia completamente diferente, os Miturgidae (antes dentro dos clubiónidos), posúe nas súas filas unhas especies grandes, das que é frecuente unha dolorosa picadura de lenta curación e veleno tóxico para as células e necrosante, pero da que non se coñecen complicacións importantes. O tamaño da araña é mediano, pero as súas mandíbulas desproporcionadas e coloración rechamante, avisan nesta Cheiracanthium punctorium, que incluso chega ao N de Europa. Aquí podedes ver un macho espectacular atopado na provincia de Pontevedra, e embaixo os seus quelíceros, capaces de atravesar a pel humana:
Ben, non tomedes a identificación da especie como segura -aínda está por confirmar por outro experto, pois semella que hai dúas especies máis en Galicia-, pero polo menos a súa localización cadra cos estudos de distribución da especie da SEA e Eduardo Morano e coas excelentes fotos de Jorgen Lissner, o aracnólogo danés, con páxina recomendada á marxe (podedes navegar dende os licósidos atrás, buscando familia ou xénero).
Latrodectismo
As viúvas negras, de telas caóticas, pero veleno potente con efecto neurotóxico paralizante, pode chegar a ser fatal en mamíferos pequenos, paralizando o sistema nervioso central e dando rixidez muscular xeralizada. Non obstante, nin a máis tóxica das viúvas negras, a americana
Latrodectus mactans, produce por si mesma a morte dun humano, a non ser que o seu estado de saúde anterior complique o caso por problemas alérxicos, respiratorios, etc. O que si produce é unha intensa rixidez muscular na zona da picadura.
Non obstante, como no caso anterior, falta aquí non só a especie, senón o xénero máis perigoso, e para mostra este macho de Theridiidae, a falsa viúva
Steatoda paykulliana atopado na provincia da Coruña a inicios do verán. O seu pequeno tamaño a bo seguro impedirá que sexa quen de perforar a pel, pero neste caso a femia, de manchas vermellas-rosadas, pode ter unha picadura con efectos dolorosos.
|
Steatoda paykulliana macho, atopada baixo unha pedra. |
Tarantismo
Este é un caso moi vencellado á cultura popular, que deu lugar á famosa Tarantela italiana como baile sandador da picadura das impresionantes tarántulas europeas. Realmente o seu veleno non é especialmente tóxico, podendo inflamar a zona como coa picadura dunha abella, pero de curación rápida. Neste caso é máis o aspecto terrible da grande tarántula (
Lycosa tarantula) que os seus efectos. Hai que sumar á especie mencionada a especie
Hogna radiata, máis común en Galicia que a anterior, pero ambas teñen preferenza polas zonas mediterráneas galegas (Sueste galego).
|
Ninfa de Hogna radiata paseándose por un prado con substrato areoso. |
|
Femia de Lycosa tarantula sacada do seu tobo escavado nun camiño de grixo. |
Migalas en Galicia: Aínda que non son especialmente tóxicas, o seu gran tamaño no sur da península, e sobre todo en Suramérica, conxuntamente cos seus fortes quelíceros, fainas temibles. Eiquí en Galicia soamente temos (que eu saiba) a
Atypus affinis, da que podedes ver un macho atopado en Ourense na primavera.
|
Atypus affinis |
E por último, non podían faltar outros arácnidos de gran tamaño, os
escorpións, que tamén na rexión sudoriental galega fan das súas (
Buthus ibericus), polo que comentan testemuños, picadura dolorosa acompañada dunha gran inchazón, pero a súa curación é bastante rápida, podendo completarse nunhas poucas horas.
Ben, penso que así está o tema da aracnofobia en Galicia, quitando transmisión de enfermidades polas
carrachas (actualmente hai casos da enfermidade de Lyme na P.I.), o tóxico e pequeno tamaño das nosas especies ben xustifica o aserto de que unha vez máis, non é tan fero o león como o pintan. De acordo que non temos arañas león (si formigas león, das que agardo falar un mes destes), pero si arañas lobo, oso (ese é o nome latino das
Arctosa, algunhas tamén de bo tamaño), e moitos máis cualificativos que axigantan a estas pobres vítimas de avespas pompílidas, lagartas e un longo etcétera.
Que didáctico!! Gracias
ResponderEliminarParabéns polo post Pablo!
ResponderEliminarVémonos nas Fragas do Eume o sábado!
Apertas,
Damián
Graciñas aos dous.
ResponderEliminarCorrixín Buthus occitanus por Buthus ibericus, pois ata agora é a única especie que atopei en Galicia, descrita en 2004 e antes citada como B. occitanus.
ResponderEliminar