28 de julho de 2010

Resultados da saída ao Eume (carábidos e fentos forestais) e próxima charla sobre o Eucarabus deyrollei

A pasada semana, unha ducia de persoas convocadas por Saramaganta e o GN Hábitat, e guiadas por un membro deste grupo: Jorge Ramos, acudimos a un training day máis, que nesta ocasión desprazouse ao norte para ver a mellor conservada masa de bosque atlántico: o Parque Natural das Fragas do Eume. Nel puidemos observar as dúas especies e unha subespecie de Carabus endémicas deste recanto noroeste da península:
Primeiro plano do predador de vermes e outros animais semiacuáticos,
 o C. galicianus, portando un ácaro forético, é dicir que aproveita o gran escaravello como transporte.
- Carabus (Ctenocarabus) galicianus: na ribeira dun regato afluente do Eume, pois no curso principal están en moita menor cantidade debido ás frecuentes subas de nivel por liberación de auga do encoro.
Larva de E. deyrollei
- Carabus (Eucarabus) deyrollei: varios machos activos, cruzando o camiño e algunha larva na ribeira do río, como a da foto enriba.





- Carabus (Chrysocarabus) lineatus lateralis: Un exemplar capturado nunha arañeira.
- Dentro doutros Caraboidea, como os Pterostichidae, abondaba o elemento europeo-occidental Pterostichus cristatus cantabricus.
Ben, o número de especies non espanta a ninguén, pois con trampas de caída e outras técnicas máis agresivas recolléronse xa 103 especies de carábidos nestas fragas, iso si, en tódalas estacións, nas que destaca o outono e a primavera. Asemade, co trazado escollido aseguramos C. galicianus, pero impedimos explorar ambientes diversos como pradeiras, matos, etc. que permitirían unha diversidade maior; quedando nós moi restrinxidos ao fondo do val do Eume.
Por outra banda, un pouco a xeito de comodín, xa que as fragas destacan pola diversidade de fentos (Pteridophyta), entre as máis de 30 especies que se poden atopar aquí, destacamos os relictos macaronésicos, que hoxe sobreviven tanto nas illas atlánticas con laurisilva -Madeira, Canarias...-, como nos bosques atlánticos peninsulares protexidos das xeadas por fragas e bosques:
Culcita macrocarpa, Cystopteris viridula, Davallia canariensis, Dryopteris aemula, Dryopteris guanchica Woodwardia radicans
Woodwardia radicans. Nótense as esporas arredor dos nervios principais da fronde,
 que fan deste fento habitante das zonas máis húmidas do bosque un dos máis doadamente recoñecibles.


A zona do mosteiro, ademais dos mencionados arriba, tamén ofrece algúns fentos non relícticos, pero de hábitat máis disperso ou raro:
Hymenophyllum tunbrigense, con esporas maduras, pero un pouco seco.


Hymenophyllum tunbrigense, das paredes avesías e con auga pingando case todo o ano. Bastante raro.
Anogramma leptophylla
Anogramma leptophylla, en paredes avesías máis secas. Nada raro por mor de vivir en construcións, pero destácoo aquí por ser un sobrevivinte en Caaveiro: a pesar de ter limpado a conciencia as paredes das ruínas do mosteiro na súa restauración, aínda quedaban uns poucos pés nalgún murete, xa moi secos por estes calores.


Pero isto non é todo. Ademais das moitas especies doutros grupos observadas, quería aquí recordar que deixamos enriba unha larva que foi recentemente redescrita por Jorge Ramos, si, o experto que nos acompañou, e este biólogo, autor de varios artigos científicos, relator en varios congresos entomolóxicos, vainos falar sobre esa larva e o seu adulto, que aquí tedes:
Pero tamén sobre a técnica de cría da larva para demostrar a súa paternidade, cousa bastante laboriosa se temos en conta que o autor vive fóra do ámbito de dita especie. Aquí pego unha foto súa dunha escea da cría de Eucarabus deyrollei para este fin científico.
Cambian bastante, verdade? Pois este curioso Carabus forestal aínda ten máis gama cromática.
En fin, quen estea interesado neste curioso animaliño e na recente contribución ao seu coñecemento, quedamos este venres 30 ás 20:30 no local do Grupo Naturalista Hábitat, Rúa Camariñas, 8-baixo (xunto á praza de Monte Alto) A Coruña.

2 comentários:

  1. Grazas Pablo polo post!

    Non vou poder asistir á charla de Jorge Ramos, pero quédame o recordo da agradable xornada de campo nas Fragas do Eume con el e cos demais compañeiros.

    Unha aperta,
    Damián

    ResponderEliminar
  2. Agardo ter a ocasión de contarche algo no campo, se coincidimos algún outono nunha fraga, xa verás o que é diversidade de carábidos... Por certo que á volta perdícheste un cerambícido espectacular, restos de Aglia tau, etc.
    Apertas

    ResponderEliminar