A finais de xullo, e seguindo coa fauna e flora das fragas, compañeiros do GN Hábitat (Sección Entomolóxica) fomos botar un ollo a unha zona do Mandeo augas arriba da central do Zarzo, que cos seus bruscos cambios no caudal do río, está a decimar as poboacións do endemismo
Carabus (Ctenocarabus) galicianus na maior parte do couto de Chelo. En primeiro lugar, quería compensar a apresurada fotografía na entrada anterior do ombrófilo
Hymenophyllum tunbrigense, tamén presente aquí nas fragas do Mandeo, con este detalle dos seus soros "bivalvos" e onde se pode aprezar mellor a finura da lámina monocapa e incluso o brillo individual de cada célula baixo a cutícula:
|
Primeiro plano do Hymenophyllum tunbrigense |
Moi perto deste ambiente, nunha pequena ribeira areosa, estaban os protagonistas desta expedición, un par de femias de
C. (Ctenocarabus) galicianus; máis cargadas de ácaros que de costume.
|
Femia de C. galicianus atopada no Mandeo, na que se pode observar o posible parasitismo por ácaros nos ombreiros elitrais. |
Tamén acompañaba un "bembidino" estritamente ripícola, o
Ocydromus (Bembidionetolizkya) tibialis, un dos máis verde-azulados do grupo:
|
Ocydromus (Bembidionetolitzkya) tibialis |
Pero augas abaixo, os carábidos que aparecían eran menos exclusivos das ribeiras, como o
Platynus assimilis, típico de bosque húmido, e o
Ocydromus (Peryphiolus) caligatus, este xa ripícola, pero normalmente entre vexetación e lama, xa non exclusivo de areais de ribeira, aquí si aparecían en areas rodeadas de buños e outra vexetación:
|
Platynus assimilis. |
|
Ocydromus caligatus (foto de Jorge Ramos) |
A razón de atoparmos estas especies soamente nun ecosistema axeitado para os tipicamente ripícolas, ben se puido deber ao azar, pero dada a escaseza destes ambientes na zona e a proximidade da presa de Zarzo, que periodicamente sobe bruscamente o nivel das augas, fannos pensar que está a afectar moi negativamente á fauna do Mandeo, sobre todo augas abaixo, que xa noutras ocasións constatamos era moi pobre en carábidos ripícolas estritos.
Tampouco faltou os regatos o
Pterosticus cristatus ssp
cantabricus.
En canto a odonatos, tamén foi un bo día, pois conseguimos observar adultos de
Onycogomphus uncatus e
Calopteryx virgo, pero sobre todo, atopamos exuvias de
Cordulegaster boltoni, Boyeria irene e un
Onycogomphus, a bo seguro o xa mencinado.
|
Onycogomphus uncatus en Zarzo. Fotografía de Ricardo Ferreiro |
Olá,
ResponderEliminarDurante un muestreo na Serra do Cando para buscar indicios de Galemys topei varios exemplares de Carabus galicianus. Foi toda unha sorpresa para min. Ademáis tamen topei outros tres carábidos que non fun quen de identificar. Xa che enviarei fotos. Non topei H. tunbrigense, pero si varias especies de dryopteris.
Sempre interesantes os posts entomolóxicos.
Saúdos
Que tal. En Pontevedra debe ser abondoso tamén, só que en zonas sen encoros de gran tamaño. Aquí no río Tea e afluentes téñoo atopado. En canto ao Hymenophyllum tunbrigense, hai que buscalo en paredes verticais con auga goteando todo o ano, algo que se dá no Mandeo en bastantes ocasións pola abundancia de grandes bloques graníticos soltos, pero ignoro se no Cando tamén se dá. Ten boa pinta para que o haxa (granítico, encaixonado e sombrizo), outra cousa é atopalo nesas condicións, claro...
ResponderEliminar