19 de novembro de 2009

Introdución ao Proxecto Hárpax: os micropredadores terrestres

A cúspide trófica dun ecosistema, a aristocracia que se cobra o décimo, a mellor colleita do ecosistema, é moitas veces o que, por esixente, paga antes as consecuencias da degradación ambiental (perda de superficie, de certas especies ou contaminación bioacumulativa no seu hábitat). Estamos afeitos a ve-los vertebrados como os duques da cadea evolutiva, e por tamaño e relacións tróficas, é normal que así sexa. Pero existe un microcosmos natural de complexidade incluso maior cá parte vertebrada máis aparente: os artrópodos. Se imaxinamos que estes non existisen, os pequenos ladróns que bulen polo chan e voan inquedos alimentándose doutros artrópodos e de moluscos herbívoros, convírtense na aristocracia dos predadores, as rapinas deses microcosmos (rapaz, ladrón: en grego hárpax, raíz que deu nome a non poucas especies). É por iso que pensamos que a entomofauna predadora do solo require un fondo coñecemento para avalialos como indicadores dos diferentes ecosistemas galegos. Somos conscientes de que esa é unha misión ardua, así que decidimos cinguirnos soamente a dous grupos, os que presentan especies de maior tamaño, que así facilitarán a súa distinción aos voluntarios: os licósidos e os carábidos. Certo é que hai miriápodos e escorpións de considerable tamaño, pero dada a dificultade de distinción dos primeiros e a rareza dos segundos, prefirimos pospoñer o seu estudo. Dentro das arañas, hai tanta diversidade de familias e tantas especies de gran tamaño, que sempre é un pouco arbitrario escoller un grupo, pero comezamos polos licósidos por ser especies en xeral grandes ligadas ao solo e moitas veces activas e visibles nos días estivais e primaverais.

Coñécese pouco das arañas galegas en xeral e tampouco moito das que presentan as especies de maior tamaño: as arañas lobo. Os xéneros de arañas lobo (Lycosidae) con poboacións silvestres coñecidas en Galicia son 8. Son os seguintes, ao lado de cada un indicamos o número de especies coñecidas hoxe no noso territorio -a maior parte citas antigas-, sumando un total de 19 especies:
Alopecosa (3 especies)
Arctosa (4 especies)
Aulonia (1 especie)
Lycosa/Hogna (1 especie)
Pardosa (5 especies)
Pirata (1 especie)
Trochosa (3 especies)
Xerolycosa (1 especie)
Esta lista é un punto de partida, baseado na bibliografía* matizada coa propia experiencia, para descartar algunhas dubidosas citas antigas. De tódolos xeitos, dado o pobre coñecemento, é probable atopar máis especies nos próximos anos (sobre todo aquelas citadas nas rexións veciñas, como León e N de Portugal). Un dos obxectivos do proxecto é a actualización do propio listado, pero hai máis:
1.- Relacionar as distintas especies galegas de licósidos cun ecosistema dado nas distintas zonas climáticas e nos distintos estados de conservación.
2.- Establecer o valor como indicador dun determinado ecosistema e ordenar as especies por sensibilidade ás distintas alteracións do seu hábitat.
3.- Dilucida-los patróns de distribución das especies a partir das mostraxes (dispersión, cosmopolitismo, rareza,...).
4.- Averiguar algún aspecto do ciclo vital dalgunha especie peor coñecida.
O certo é que estes criterios son aplicables a calquera grupo escollido, pero imos manter un orde; na seguinte entrada iremos repasando xénero a xénero a identificación e bioloxía de cada especie, para facilitárno-la labor cando chegue a época de ir ao campo.

Alopecosa e Arctosa no próximo capítulo...

* traballo de E. Morano (2005) no Grupo Ibérico de Arácnología (SEA), podes consultalo aquí; e un extracto nos inventarios de AEGAweb.

Sem comentários:

Enviar um comentário