27 de setembro de 2009

Saída ao Mandeo

Aproveitando a saída realizada á presa de Gomil, no alto Mandeo, en Aranga, fixemos un transecto de 5 km sobre as instalacións da presa hidroeléctrica, polo que a pesar de estar rodeados de fraga caducifolia, non puidemos ver máis que a fauna que se refuxiaba ou cruzaba o camiño de terra seca. Inda así, vimos insectos de grupos variados, como a ameazada libeliña gómfida: Onychogomphus uncatus, (ver á dereita) considerada Vulnerable no "Libro Rojo", e propia de cursos de auga asollados, neste caso o máis próximo era a canle da presa. Sorprendeunos tamén unha verdísima chicharra (polo menos moi parecida á Ephippiger ephippiger), (ver á dereita), conxunto de ortópteros máis diversos e aparentes en zonas mediterráneas.
Tamén fixeron aparición algúns escaravellos do chan, baixo pedras do camiño: un Chrysocarabus lineatus lateralis, dous Petrophilus brevipennis (ver á dereita), un dos carábidos forestais máis abondosos en Galicia.

Xa ao mediodía uníronsenos os compañeiros da SGHN de Pontevedra (Xosé Lois Rey, entre outros) nun espazo un pouco máis prometedor, nun camiño que pasaba do mato baixo ao bosque de ribeira: a Fraga das Barbudas. Xunta a eles, constatamos a inmensa variedade de bolboretas que nos saían ao paso, moitos piéridos, satíridos, ninfálidos, licénidos...
Xa sobre as comportas dun encoro, atopamos inconfundibles latrinas de xeneta adulta cos restos da súa típica dieta de fins de verán: grandes escaravellos habitantes desta fraga, coma o Prionus coriarius e a vacaloura Lucanus cervus. Tamén había excrementos dun individuo probablemente xuvenil, coas fecas máis finas e compostas de amoras, herbas e unha moscarda azul.

Sem comentários:

Enviar um comentário