22 de março de 2011

Cicindelas á saída do inverno

Esta tempada, imos recibir o introito da primavera ou "antroido", como dirían algúns paisanos do norte, cunhas máscaras terroríficas. Pois aínda que estamos afeitos ás bolboretís aparicións que anuncian o fin do inverno e recordan os disfraces do entroido de cara máis colorista e amable, tamén desta festa é propio o despertar das feras, coma o oso de Salcedo, ou dos espíritos malignos soterrados que fan a súa aparición tamén nesta festa, coma as negras e terroríficas máscaras vianesas ou calquera monstro que se recicla da festa do samaín-halloween. Así, tamén os escaravellos tigre saen do seu acubillo invernal para amosar as súas metálicas cores e terribles mandíbulas.
As cicindelas son unha das catro subfamilias de carábidos que están presentes nas nosas latitudes, son voadoras activas que asexan inquedas a súa presa cos seus enormes ollos, para alcanzala ao instante e darlle morte en poucos segundos coas súas temibles mandíbulas. Pero que comparta o nome do gran predador a raias, pode estrañar na cicindela campestre, non así nas especies de area (praia e ribeiras) que días desta semana facían aparición (19 e 20 de marzo) nas praias da Costa da Morte-Bergantiños:

Lophyra flexuosa, asollándose nunha duna, amosa o seu deseño atigrado.
Lophyridia littoralis exhibe as súas potentes mandíbulas, pegada ao chan e inmóbil para evitar o vento*.

5 de fevereiro de 2011

Agelena labyrinthica, araña europea de 2011.

É o quinto ano que en Europa dende que en 2006 se celebrara a primeiro ano da araña europea pola Sociedade Europea de Aracnoloxía, bo momento para participarmos en Galicia, sobre todo pola especie, abondosa, común e doada de atopar e identificar superficialmente, para ir comezando este verán, cando están activas.
Aquí tedes un exemplar de Agelena labyrinthica (Clerck, 1757) ao lado dun río no interior da provincia da Coruña, onde andaban  a cazar saltóns e mosquiñas en pleno mediodía.
No ámbito ibérico, contamos coa garantía de colaboración do GIA - Grupo Ibérico de Aracnología (dentro da SEA), do que son socio. Así coordinarémonos mellor en toda España e tamén teremos o asesoramento e segura identificación desta especie que lle dá nome á familia das diversas e cosmopolitas Tegenarias. Moi doada de localizar pola súa densa gran tea en forma de funil, que cobre unha extensa superficie e é visible a distancia, sobre todo despois dunha noite de orballo, a máis confundible é a Agelena agelenoides (Walckenaer, 1842), especie mediterránea nunca citada en Galicia, pero si en Bragança, cunha única cita no ano 40. Non é probable atopar esta última especie, pero si posible, pois cos datos que manexo, en Galicia soamente se terían detectado un 10 % das máis de mil especies peninsulares. Para máis información e contacto co coordinador español: Araña común del laberinto, e se dades un paseo por Portugal, aquí tedes información e máis contactos: Aranha comum do labirinto. De todos os xeitos, na sección entomolóxica do GN Hábitat poderemos organizar a previa recollida e revisión de datos de campo, así como outras dúbidas sobre a nosa entomofauna. Para iso podedes escribir ao e-mail do grupo: gnhabitat@yahoo.es.

9 de janeiro de 2011

Devastación innecesaria... de novo.

Clotianidina (clothianidin).
Asistimos dende hai máis dun lustro impotentes a un declive xeralizado das abellas e outros polinizadores, sobre todo naquelas áreas onde a agricultura se fai de xeito menos tradicional. A explicación oficial veu dicir que se trataba dunha enfermidade bacteriana introducida, despois pola combinación dun fungo e un virus, destacándoa como factor principal fronte á xa comprobada desorientación das abellas despois de libar en flores de zonas tratadas con clotianidina (pesticida neonicotinoide organoclorado). Pois ben, o mes pasado, grazas a Wikileaks, confirmamos o que xa se sospeitabamos, que se estaba restando importancia de maneira interesada ao xa coñecido CCD (ou desorde de colapso das colonias) provocado por nicotinoides (ver Neonicotinoids minister letter). Aínda a mediados do 2010, grazas a The New York Times, enterabámonos que algún dos científicos que traballara para apoiar aos indignados apicultores, era contratado directamente por Bayer, principal produtor da clotianidina (podédelo comprobar aquí). Dende que foron permitidos en EEUU (2003) e na Unión Europea (2005), os pesticidas nicotinoides non deixaron de minguar as poboacións de abellas silvestres e domésticas, tanto é así, que un deles xa se prohibira en 1999, despois de acabar cun terzo das súas abellas, e a clotianidina foi prohibida sucesivamente en Alemaña, Francia, Italia e Eslovenia. En 2008, a axencia para a protección do medio ambiente estadounidense (EPA) foi denunciada polo Concilio para a Defensa dos Recursos Naturais, en defensa dos apicultores; pero a proba definitiva aquí a temos. Os prevaricadores norteamericanos e os responsables da filial de Bayer deben ser duramente castigados por sumirnos noutra ameaza global, que pon en perigo o mantemento de calquera ecosistema terrestre. O envelenamento da terra por intereses económicos particulares non é nada novo, e foi especialmente notorio nos anos 50, contra o que reaccionaron moitos científicos, entre eles a bióloga mariña Rachel Carson, da que extraio unha pasaxe de hai 49 anos, que ofrece unha curiosamente axeitada descrición do mecanismo de acción da clotianidina sobre sementes de maínzo e nabos, substitúanse o insecticida mencionado e os cultivos polos do problema actual, e terase unha perfecta explicación do que sucede hogano:

9 de novembro de 2010

Exposición "Unha ollada natural" de Calros Silvar

Na Casa das Ciencias da Coruña, durante novembro deste ano, unha mostra dunha das mellores e expertas mans do debuxo da natureza en Galicia, desta vez cun bo tratamento da entomofauna galega, dende a típica vacaloura aos diversos odonatos. Unha cita que os cautivados pola estética entomolóxica non nos podemos perder.

1 de novembro de 2010

Unha chinche moi vistosa considerada praga chega a Galicia

A mediados de outubro deste ano apareceron estas chinches chamadas Leptoglossus occidentalis Heidemann, 1910, praga que se alimenta xa dos brotes de coníferas por varios puntos de Galicia occidental, onde non había rexistros previos, pero si moito piñeiro de repoboación susceptible de ser atacado por esta "colona" americana. 
A chinche americana das coníferas Leptoglossus occidentalis intentando colarse na miña vivenda.

1 de setembro de 2010

Máis de 50 especies de Odonatos en Galicia

O pasado mes de xullo nun exaustivo estudo que se está a levar por Emilio Sabarís e outros naturalistas e co apoio académico de Adolfo Cordero na cuadrícula UTM que inclúe a Lanzada e parte das ameazadas pozas da Fianteira, aparecía unha especie posible pola latitude pero de todo inesperada, por non haber citas máis que no levante e sur da península Ibérica, algo do que se fixo eco a prensa por, ademais de chegar á especie nº 36 na zona, era nova especie para Galicia, algo que podedes comprobar no blog de Pablo Sanmartín: Anillamiento y algo más.
Pois ben, este proxecto modélico de estudar para conservar, no máis puro estilo do noso lema, deunos folgos no GN Hábitat para iniciar este ano en imitación outro Proxecto Odonatos doutras zonas representativas dos distintos ecosistemas galegos. Os espazos naturais protexidos ou non da Costa da Morte, o río Mandeo, o Xistral, etc. teñen distintas características có litoral pontevedrés estudado e por suposto cás zonas mediterráneas do sur e as montañas orientais. A nosa intención é coñecer a diversidade de distintas zonas para logo poder facer un seguemento de cada espazo ou cuadrícula escollida.
As femias deste especie as ás son especialmente recoñecibles
pola mancha alar que case sempre sobrepasa a axila da á.
Logo, nunha saída entomolóxica con Jorge Ramos, a finais de xullo, atopabamos esta femia de Sympetrum flaveolum, na zona de Sanabria, Zamora; a 1400 msnm. no límite externo da súa distribución, ás portas do límite con Ourense (a unha decena de quilómetros).
 Comunicamos de inmediato aos compañeiros da asociación o achádego e intentamos organizar outra expedición, que fracasou por compromisos varios. Por fin, noutro día tórrido, xa na última fin de semana de agosto, Loli Pardo e mais eu, achegámonos facer unha ruta pola Veiga, a ver se andaba por alí algunha amiga súa, como así foi nunha pequena xunqueira a uns 1300 msnm. O certo é que non apareceu ningunha femia, non sabemos se por ter xa completado o seu ciclo facendo a posta ou por que andaban refuxiadas nas touzas cercanas; pero si 3 machos, a bo seguro preparados por se calquera femia solicitaba os seus servizos. Aquí deixo distintos planos da especie para facilitar o seu recoñecemento a algún montañeiro intrépido:

26 de agosto de 2010

Carábidos das ribeiras do Mandeo, e algo máis.

A finais de xullo, e seguindo coa fauna e flora das fragas, compañeiros do GN Hábitat (Sección Entomolóxica) fomos botar un ollo a unha zona do Mandeo augas arriba da central do Zarzo, que cos seus bruscos cambios no caudal do río, está a decimar as poboacións do endemismo Carabus (Ctenocarabus) galicianus na maior parte do couto de Chelo. En primeiro lugar, quería compensar a apresurada fotografía na entrada anterior do ombrófilo Hymenophyllum tunbrigense, tamén presente aquí nas fragas do Mandeo, con este detalle dos seus soros "bivalvos" e onde se pode aprezar mellor a finura da lámina monocapa e incluso o brillo individual de cada célula baixo a cutícula:
Primeiro plano do Hymenophyllum tunbrigense
Moi perto deste ambiente, nunha pequena ribeira areosa, estaban os protagonistas desta expedición, un par de femias de C. (Ctenocarabus) galicianus; máis cargadas de ácaros que de costume.
Femia de C. galicianus atopada no Mandeo, na que se pode observar o posible parasitismo por ácaros nos ombreiros elitrais.