9 de janeiro de 2011

Devastación innecesaria... de novo.

Clotianidina (clothianidin).
Asistimos dende hai máis dun lustro impotentes a un declive xeralizado das abellas e outros polinizadores, sobre todo naquelas áreas onde a agricultura se fai de xeito menos tradicional. A explicación oficial veu dicir que se trataba dunha enfermidade bacteriana introducida, despois pola combinación dun fungo e un virus, destacándoa como factor principal fronte á xa comprobada desorientación das abellas despois de libar en flores de zonas tratadas con clotianidina (pesticida neonicotinoide organoclorado). Pois ben, o mes pasado, grazas a Wikileaks, confirmamos o que xa se sospeitabamos, que se estaba restando importancia de maneira interesada ao xa coñecido CCD (ou desorde de colapso das colonias) provocado por nicotinoides (ver Neonicotinoids minister letter). Aínda a mediados do 2010, grazas a The New York Times, enterabámonos que algún dos científicos que traballara para apoiar aos indignados apicultores, era contratado directamente por Bayer, principal produtor da clotianidina (podédelo comprobar aquí). Dende que foron permitidos en EEUU (2003) e na Unión Europea (2005), os pesticidas nicotinoides non deixaron de minguar as poboacións de abellas silvestres e domésticas, tanto é así, que un deles xa se prohibira en 1999, despois de acabar cun terzo das súas abellas, e a clotianidina foi prohibida sucesivamente en Alemaña, Francia, Italia e Eslovenia. En 2008, a axencia para a protección do medio ambiente estadounidense (EPA) foi denunciada polo Concilio para a Defensa dos Recursos Naturais, en defensa dos apicultores; pero a proba definitiva aquí a temos. Os prevaricadores norteamericanos e os responsables da filial de Bayer deben ser duramente castigados por sumirnos noutra ameaza global, que pon en perigo o mantemento de calquera ecosistema terrestre. O envelenamento da terra por intereses económicos particulares non é nada novo, e foi especialmente notorio nos anos 50, contra o que reaccionaron moitos científicos, entre eles a bióloga mariña Rachel Carson, da que extraio unha pasaxe de hai 49 anos, que ofrece unha curiosamente axeitada descrición do mecanismo de acción da clotianidina sobre sementes de maínzo e nabos, substitúanse o insecticida mencionado e os cultivos polos do problema actual, e terase unha perfecta explicación do que sucede hogano:

A bióloga e escritora Rachel Carson
Os [insecticidas] sistémicos actúan por outras arrevesadas vías. Aplicados ás sementes, tanto por impregnación como por un recubrimento combinado con carbono, estenden os seus efectos á seguinte xeración de plantas e produce plantóns pezoñentos para áfidos e outros insectos zugadores. Hortalizas como chícharos, xudías e remolachas do azucre protéxense así ás veces. As sementes do algodón foron algunhas veces usadas cubertas cun insecticida sistémico en California, onde 25 traballadores agrícolas que plantaban algodón no val de San Xaquín en 1959 foron afectados por unha súpeta enfermidade, causada por manipular coa man as bolsas das sementes tratadas.
En Inglaterra, alguén preguntouse  qué pasaría cando as abellas empregasen o néctar de plantas tratadas con sistémicos. Investigouse isto en áreas tratadas cun composto químico chamado escradán (schradan). Aínda que as plantas foran pulverizadas antes de formarse as flores, o néctar producido máis tarde contiña o veleno. O resultado, tal como era predicible, foi que o mel feito con esas abellas tamén contiña o escradán. 
(cap. Elixires de morte, do libro Primavera Silenciosa, de R. Carson (1962). Tradución propia a partir do orixinal).


Máis adiante reflexiona como xa o fixera Darwin sobre a importancia das abellas para os ecosistemas e os cultivos e tamén dará numerosos exemplos de cómo os insectos que se intentan eliminar son precisamente os que mellor se defenden, caendo os considerados beneficiosos antes. Nada novo, por desgraza, excepto que agora os pesticidas empregados, despois da prohibición do DDT e outros, adoitan ter menor persistencia no ambiente e contrólase máis a súa cantidade. Polo demáis, a prevalencia dos intereses da industria química sobre os coñecementos ecolóxicos e o propio sentido común, segue traxicamente igual.

5 comentários:

  1. Parabéns Pablo...magnífico artigo...moi obrigado polo que dei en aprender nel.
    Certamen tiña escoitado campás arredor do tema, pero nengunha que sonase tan afinada e concordada como este breve pero coñecedor e didáctico artigo que nos ves a regalar. Por outra banda tremendamente actual e coas datas moi no día e nos temas da hora. Wikileaks da para moito e arestora resulta unha das poucas cousas creíbles e esperanzadoras nun mundo onde cada vez máis a democracia resulta unha sorte de despotismo cuatrianual ao servizo dos poderosos e dominantes, que diante dos seus beneficios non respetan nen persoas nen bens comúns.
    Moi obrigado e as miñas felicitaciós por este artigo.
    Vémonos en calquer plaia buscando eurinebrias, mentras queden plaias, que este ano os sistemas dunares do norte ( son os que mellor coñezo)viron reducidas en moitos metros a súa línea de dunas.
    Saúdos.

    ResponderEliminar
  2. Interesantísimo artigo. Anímote a que redactes unha nota dunha carilla e a envies aos medios, coido importante dar difusión desta información o máis amplamente posible.

    Un saúdo e vémonos no campo..ou no seguinte post ;)

    ResponderEliminar
  3. Vaia! Ídesme ruborizar. Corrixín algún erro, pois ao manexar varios documentos, hai terreo aboado para lapsus varios. Penso agora quedou máis claro.
    Por certo, se queredes asinar, hai unha campaña de Avaaz: https://secure.avaaz.org/es/save_the_bees/?vl

    ResponderEliminar
  4. a min gustoume o teu post e tomeime a liberdade de chuzalo...http://chuza.gl/story/bayer-desaparicion-das-abellas
    un saúdo

    ResponderEliminar
  5. Magnífico artigo Pablo, nos coñecía o teu blog...Aperta

    ResponderEliminar