31 de dezembro de 2015

A araña zoadora: araña europea do ano que se despide

Aínda que xa pasa, e xa pensando na araña europea do ano 2016, quería despedir un ano dedicado a unha especie excepcional:

A araña zoadora* Anyphaena accentuata (Walckenaer, 1802) ten en Galicia unha boa representación dos hábitats que prefire: troncos, pólas e follas en xeral de árbores caducifolias, e parece presentar menor querenza por arbustos e coníferas (ver Araña europea del año, 2015). Non obstante, comparte rexión con catro arañas fantasma ou de saco* máis: a tamén común A. numida Simon, 1897 coincide algunhas veces no hábitat (árbores caducifolias) aínda que semella ter igual ou maior querenza por matogueiras húmidas, como as atlánticas, e terreos abertos.

Figura 1. Anyphaena accentuata femia nunha folla de carballo na provincia de Pontevedra. Amosa o patrón típico da especie no opistosoma.
Por rexistro fotográfico, hai unhas poucas citas en todas as provincias galegas excepto Ourense, e por exemplares de colección, tan só en Lugo (Barrientos et al; 2014).

Pero en Galicia hai tamén abondosos rexistros doutra especie, A. numida, sobre todo na metade norte:
Figura 2. Anyphaena numida femia atopada entrando nunha casa rodeada de vexetación baixa da provincia da Coruña. O patrón do opistosoma é lixeiramente diferente, pero moi pouco marcado neste exemplar.

3 de novembro de 2014

As libélulas e o doutor Santiago

Os bulideiros insectos sorpréndennos decote con áxiles e elaborados comportamentos. Seguro que algún mediodía de verán algunha libélula virou para evitarte e foise pousar a certa distancia, onde sentirías a súa precavida mirada, reaccionando ao máis mínimo dos teus movementos. Por moito que nos advirtan da limitada definición visual dos insectos, o tamaño dos ollos das libélulas e o seu comportamento delatan unha visión sorprendentemente fina.


Fig. 1: Unha aproximación aos ollos dunha libélula aínda sen gañar color (teneral).
Se investigamos algo o tema, veremos que as facetas e o reducido tamaño absoluto debe restar algo de definición. Isto foi repetidamente esaxerado na visión caleidoscópica que amosan os filmes da industria cinematográfica, algo que nada ten que ver coa visión real dos insectos. Non só iso, senón que distinguen ultravioleta, e a perfección do seu sistema nervioso non é algo que constitúa unha novidade. Un dos primeiros en chamar a atención sobre a complexidade do sistema nervioso dos insectos foi precisamente o primeiro en diferenciar as células nerviosas: o sobranceiro sabio aragonés Santiago Ramón y Cajal.
Fig. 2: Santiago Ramón y Cajal, retratado por Sorolla en 1906, o ano do seu premio Nóbel en Fisioloxía ou Medicina.

Así, en 1917 exclamaba:
"E eu que, enganado polo malfadado prexuízo da seriación progresiva das estruturas zoolóxicas de función semellante, agardaba toparme cun plan estrutural sinxelísimo e doadamente abordábel! Sen dúbida que os zoólogos, anatómicos e sicólogos calumniaron aos insectos. Comparada coa retina destes ao parecer humildes representantes da vida (himenópteros, lepidópteros e neurópteros*), a retina da ave ou do mamífero superior aparécesenos coma algo groseiro, basto e deplorablemente elemental. A comparación do rudo reloxo de parede con esquisita e diminuta saboneta non dá exacta idea do contraste. Porque o ollo-saboneta do insecto superior non consta soamente de máis tenues rodamentos, senón que entraña asemade varios órganos complicadísimos, sen representación nos vertebrados."
(tradución propia a partir da versión on-line de Recuerdos de mi vida).

31 de dezembro de 2013

Adeus ao ano Wallace, benvida a súa obra!

Por desgraza non podemos felicitarnos por ningunha novidade editorial de importancia no noso país, que eu coñeza, neste que foi o ano Wallace, por terse cumprido 190 anos do seu nacemento (e 100 anos da súa morte), pero si podemos aproveitar os medios que nos dan os avances da rede global para acceder máis doadamente ao contido das súas obras nunha lingua que non debería ser allea ao cietífico de profesión ou de afección: a súa propia lingua materna. Nesta páxina, recóllese unha escolma do mellor que ten o autor e algunhas curiosidades: http://wallacefund.info/, que afortunadamente no mundo e na Gran Bretaña non se trata da única iniciativa, destacando ademais páxinas como a da Linnean Society e Biodiversity Heritage, onde podemos descargar tamén contidos de interese.
Alfred Russel Wallace aos 30 anos -hai 160 anos-. "Fotógrafo": Thomas Sims. [Publicado por 1ª vez na obra do homenaxeado My Life (1905). (c) do escaneado: A. R. Wallace Memorial Fund & G. W. Beccaloni.]
O ambrotipo orixinal (seguramente perdido) coincide na época coa publicación dos seus 1ºs libros: Palm trees and the Amazon and Their Uses  e A Narrative of Travels on the Amazon and Rio Negro, With an Account of the Native Tribes, and Observations on the Climate, Geology, and Natural History of the Amazon Valley (1853), froito da expedición que realizara co seu colega entomólogo Henry Walter Bates.

29 de dezembro de 2012

Presentación do libro "Mariposas por la vida" en Vigo

O día 12 de xaneiro, sábado, a partir das 16 h no Auditorio da Obra Social de NGB en Vigo (r/ Polocarpo Sanz, 26) presentarase o primeiro libro que reúne unha completa colección de fotografías de bolboretas de Biodiversidad Virtual, cunha guía feita por experimentados fotógrafos e naturalistas, que fixeron da súa ilusión coñecer e respectar a vida, e que a homenaxean e recordan a un compañeiro tristemente desaparecido, que viviu un dos seus últimos bos momentos fotografando a diversidade, fotografando a vida: Gabino. O espírito, o saber, e o talento de moitos outros contaxiarásenos con este libro, as conferencias e os obradoiros cos que nos agasallan os organizadores, con experiencias por toda a Península. Este é o programa orixinal que nos envían:


Programa:

16:00 h.  Presentación del libro por parte de Juan Ramón Córdoba León y José Manuel Sesma con explicaciones sobre el mismo y sobre la fundación.
17:00 h. Taller de fotografía de mariposas guiado por Juan Ramón Córdoba León, fotógrafo de reconocido prestigio.
18:00 h.  Charla y exposición de un tema específico relacionado con las mariposas diurnas, guiado por Rafael Estévez Rodríguez fotógrafo de la ciudad y experto en la materia. 
19:00h.  La fotografía, la nueva entomologíapor José Manuel Sesma, presidente de Fotografía y Biodiversidad
20:00 h. Coloquio-taller de identificación de las mariposas diurnas. Actividad interactiva abierta a la participación de todos los asistentes. Participaran Juan Ramón Córdoba, José Manuel Sesma, Luis Canencia, Rafael Estévez y Jose Álvarez Gándara.


Saúde e natureza!

23 de dezembro de 2012

Actividade de Nadal: A nebria das praias.

Xa apareceron nas costas galegas as primeiras larvas deste curioso e áxil escaravello do litoral do noroeste de África e Europa occidental, ameazado pola entrada de vehículos a motor en areais costeiros, afluencia masiva ás praias no verán, e sobre todo, a destrución das dunas para a construción de edificios en primeira liña de praia e outras infraestruturas. Tampouco se libran da influencia dos temporais e o ascenso do nivel do mar. Todos aqueles interesados en coñecer mellor a nebria das praias (Eurynebria complanata), as claves do seu estudo e a súa situación en Galicia, poderán facelo no local do Museo de Historia Natural de Ferrol ás 20:30, o día 27 de decembro, a cargo do autor deste blog.



12 de julho de 2012

De verán en verán, algo novo sobre odonatos galegos (xa van 54).

Con Aeshna isoceles Müller, 1767 xa son 54 as especies de odonatos en Galicia:
File:AeshnaIsocelesMale.jpg
Aeshna isoceles, macho. Unha fotografía semellante obtívose na Costa da Morte.
[Imaxe tomada da wikipedia, fotografada no Elba, no N da Alemaña]

Descubríaa Jorge Vilas a finais desta primavera, sobre a vexetación dun canal situada na Costa da Morte, como explica no seu  artigo publicado nos Arquivos Entomolóxicos.

En Europa, esta especie aparece en masas de auga estancadas ou tranquilas (dende canais ata marismas e lagos) con vexetación abundante. Sempre aparece localizada, moi ligada aos seus hábitats típicos, cunha distribución máis dispersa na parte occidental europea. Como se anticipaba na guía de libélulas da que falamos o verán anterior, era probable a súa aparición en Galicia por terse atopado en zonas próximas no N de Portugal e no oeste asturiano. De todos xeitos, era difícil adiviñar que aparecese nun punto tan distante.

Compilemos a información publicada:

22 de fevereiro de 2012

Charla sobre a ecoloxía da Eurynebria complanata

Este venres, os compañeiros de Hábitat confiaron en min para impartir unha charla sobre a vida deste escaravello nocturno das praias. Isto explícase porque me pasei os tres últimos anos fotografando mensualmente e estudando unha das súas poboacións. Algunhas conclusións do estudo foron expostas nun traballo de terceiro ciclo na facultade da Coruña, e comunicaranse no grupo para a súa valoración dende o punto de vista conservacionista.
Primeiro repasaremos a histórica descrición da especie Eurynebria complanata (Linnaeus, 1767) e situación taxonómica, a súa distribución por Europa e África, e logo algúns aspectos singulares da súa bioloxía. Tamén comentaremos os estudos ecolóxicos que xe fixeron en varios outros países, sobre todo en Italia e Francia, e por último expoñeremos os resultados do estudo levado a cabo na Costa da Morte: tamaño de poboación, relación de sexos, biometría, as oscilacións na súa abundancia, etc.

Macho maduro de escaravello das praias, Eurynebria complanata.
Confío en que esta aproximación científica ao estudo desta especie de carábido, da tribo dos Nebriini, contribúa tanto a familiarizarnos coa bioloxía dos escaravellos da terra ou carábidos en xeral, importantísimos como indicadores do estado de conservación dun medio; como a proporcionar unha posibilidade de estudo de vivo dalgúns artrópodos, algo infrecuente aínda, e non sempre posible, nos estudos dos ecosistemas, neste caso das praias areosas con vexetación dunar.
Máis información sobre a charla na páxina do grupo Hábitat.