Mostrar mensagens com a etiqueta libélulas. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta libélulas. Mostrar todas as mensagens

12 de julho de 2012

De verán en verán, algo novo sobre odonatos galegos (xa van 54).

Con Aeshna isoceles Müller, 1767 xa son 54 as especies de odonatos en Galicia:
File:AeshnaIsocelesMale.jpg
Aeshna isoceles, macho. Unha fotografía semellante obtívose na Costa da Morte.
[Imaxe tomada da wikipedia, fotografada no Elba, no N da Alemaña]

Descubríaa Jorge Vilas a finais desta primavera, sobre a vexetación dun canal situada na Costa da Morte, como explica no seu  artigo publicado nos Arquivos Entomolóxicos.

En Europa, esta especie aparece en masas de auga estancadas ou tranquilas (dende canais ata marismas e lagos) con vexetación abundante. Sempre aparece localizada, moi ligada aos seus hábitats típicos, cunha distribución máis dispersa na parte occidental europea. Como se anticipaba na guía de libélulas da que falamos o verán anterior, era probable a súa aparición en Galicia por terse atopado en zonas próximas no N de Portugal e no oeste asturiano. De todos xeitos, era difícil adiviñar que aparecese nun punto tan distante.

Compilemos a información publicada:

14 de julho de 2011

As libélulas, lavacús e gaiteiriños reencóntranse coa cultura galega.

Foi obxecto dende o primeiro día deste blog tanto salientar a tradicional cultura arredor do mundo entomolóxico, como facer que o coñecemento das diferentes especies e da súa ecoloxía penetre nas nosas xentes. Despois de ollar a flamante guía de odonatos de Galicia* (edición de xuño'11), vexo o mimo co que Cosme Damián tratou os nomes populares, adaptándoos á máis descritiva nomenclatura ao precisar as especies, o cal foi unha agradable sorpresa nesta agardada guía, engadida ao minucioso do detalle anatómico logrado por Carlos Silvar, orientado á rápida indentificación das especies, seguindo as mellores guías de Odonatos, coma a famosísima Dijkstra (en inglés**), e cos esclarecedores comentarios de Miguel Ángel, o científico autor dos textos, quen nos guía por primeira vez na nosa lingua, non só polas especies xa atopadas en Galicia (ata o de agora, 53 especies), senón cun extra de 9 especies que será posible atopar no futuro por atoparse Galicia na súa marxe de distribución, ou aínda que raras, poidamos facer, como o propio autor di nalgunha especie, unha "fabulosa contribución á odonatofauna galega".
De tódolos xeitos, permítome dar un aviso a navegantes, pensando nas últimas vagas de calor e no cambio climático: hai 4 anos que un novo "lavacú", empregando a terminoloxía proposta nesta guía, pasou o estreito cara á Península, trátase de Trithemis kirbyi, especie propia de practicamente toda África, polo menos ata o de agora. Supoño que tardaremos anos en vela por Galicia, pois a loita pola supervivencia segue aí fóra, pero a súa presenza en Sudáfrica fai recordar o ben que acollemos outras "compatriotas" coma a unlla de gato e a Arctotheca calendula e a vinagreira Oxalys pes-caprae, aínda máis espalladas e tan naturalizadas que forman parte dos nosos recordos infantís.

*Baía Edicións - Guía das libélulas de Galicia
**WEBORYX - FIELD GUIDE TO THE DRAGONFLIES OF BRITAIN AND EUROPE INCLUDING WESTERN TURKEY AND NORTH-WESTERN AFRICA