31 de dezembro de 2013

Adeus ao ano Wallace, benvida a súa obra!

Por desgraza non podemos felicitarnos por ningunha novidade editorial de importancia no noso país, que eu coñeza, neste que foi o ano Wallace, por terse cumprido 190 anos do seu nacemento (e 100 anos da súa morte), pero si podemos aproveitar os medios que nos dan os avances da rede global para acceder máis doadamente ao contido das súas obras nunha lingua que non debería ser allea ao cietífico de profesión ou de afección: a súa propia lingua materna. Nesta páxina, recóllese unha escolma do mellor que ten o autor e algunhas curiosidades: http://wallacefund.info/, que afortunadamente no mundo e na Gran Bretaña non se trata da única iniciativa, destacando ademais páxinas como a da Linnean Society e Biodiversity Heritage, onde podemos descargar tamén contidos de interese.
Alfred Russel Wallace aos 30 anos -hai 160 anos-. "Fotógrafo": Thomas Sims. [Publicado por 1ª vez na obra do homenaxeado My Life (1905). (c) do escaneado: A. R. Wallace Memorial Fund & G. W. Beccaloni.]
O ambrotipo orixinal (seguramente perdido) coincide na época coa publicación dos seus 1ºs libros: Palm trees and the Amazon and Their Uses  e A Narrative of Travels on the Amazon and Rio Negro, With an Account of the Native Tribes, and Observations on the Climate, Geology, and Natural History of the Amazon Valley (1853), froito da expedición que realizara co seu colega entomólogo Henry Walter Bates.
Ocasión haberá nunha década, cando se cumprirán 200 anos do seu nacemento, para que alguén permita que poidamos gozar dunha tradución do seu libro máis coñecido, sobre o Arquipélago Malaio, ao galego, ou se somos de mellor conformar,  gozaremos dunha agardada reedición nunha  lingua cando menos próxima, pois a esgotada edición castelá dos anos 84-86 xa vai quedando antiga (Editorial Laertes, Colección Nan-Shan -prescidindir de edicións mutiladas como a de Espasa-Calpe), e vendeuse en catro tomos, das 5 partes dese inesquecible libro: The Malay Archipelago: The land of the Orang-utan, and the bird of paradise. A narrative of travel, with sketches of man and nature, (traducido como Viaje al Archipiélago malayo), escrito despois da súa segunda expedición por terras indo-malaias e papúes, que como libro de viaxes é dos imprescindibles de todas as épocas, na miña ignorancia, o mellor que coñezo, de mellor estilo e con multitude de temas tratados. Este último punto é sen dúbida subxectivo, pois a súa óptica é dun naturalista eminentemente entomólogo, con coñecementos sobre botánica, ornitoloxía, mastozooloxía, etc. algo que coincide cos intereses blog. O único punto que dende este punto de vista aprezo menos é a pouca dedicación ás arañas nunha terra, a papú-australiana, que ten os exemplos máis marabillosos de cortexos das arañas pavo real, coas cores do sol, as arañas fiadoras das teas máis resistentes e grandes do mundo, como as Nephila. Aínda con todo, Wallace non deixa de rexistrar arácnidos nunhas breve anotacións, nas Illas Aru, a admiración que lle espertaron as diminutas e coloridas arañas, como alfaias; as fortes teas de araña que dificultaban o paso, entre outras mencións a arácnidos como os escorpións que se lle coaban na habitación da casa que compartía cos nativos da selva. É comprensible o desprezo con que trata os arácnidos, non soamente polos estragos que podían facer nas súas coleccións, senón tamén polo intenso e duradeiro prurito provocado por ácaros que tivo que suportar en Ceram.
A tarefa rutinaria e fin da súa misión coleccionista era a reunión de numerosos exemplares de coleópteros, narrando interesantes peculiaridades dos seus hábitats e métodos de captura empregados, a difícil persecución de bolboretas de voo áxil, que nalgunhas ocasións facía que recurrise non só á axuda do seu equipo humán habitual, senón tamén a nenos nativos, ou ao comercio ocasional. Estes métodos eran menos necesarios para conseguir as abondosas avelaíñas, outros insectos e dípteros, entre os cales estaban as peculiares moscas de ollos pedunculados que se chamaron naquel momento Elaphomia (cervicornis, wallecia, brevicornis, alcicornis) pola súa semellanza de comportamento de loita territorial cos machos dos cervos europeos (Cervus elaphus). Hoxe en día reclasificáronse non conservando todos eses nomes, pero folgan aquí máis aclaracións agora.
File:Malay Archipelago horned flies.jpg
Ilustración do libro de Wallace sobre a súa Viaxe ao Arquipélago Malaio, no que se ilustran as catro especies capturadas por el que constituíron o xénero Elaphomia, unha das súas numerosas aportacións taxonómicas na entomoloxía. Debuxo de E. W. Robinson, para a 1ª Edición (1869) do libro The Malay Archipelago....
As súas aportacións á antropoloxía, e á zooloxía de vertebrados, en toda a súa obra e particularmente no mencionado libro, son importantes, pero non vén ao caso tratalas aquí. Tamén é recomendable o mesmo libro para achegármonos cunha visión científica decimonónica á experiencia dos volcáns, terremotos e tsunamis, sendo el mesmo testemuño de primeira man de cada un deses fenómenos nas illas e mares do Arquipélago malaio. Estas experiencias contribúen a madurar as súas pioneiras observacións sobre a bioxeografía, con abondosos exemplos neste libro de límites de distribución coincidentes (cacatúas, pombas, grandes mamíferos, diferentes bupréstidos, diferentes papiliónidos...) e plasmaranse en libros posteriores, así como a propia teoría da selección natural, tratada máis brevemente aquí, pero que retomaría máis tarde en numerosas obras, nunha das cales, xa no título se definía modestamente como darwinista (Darwinism, An Exposition of the Theory of Natural Selection With Some of Its Applications = Darwinismo, unha exposición da teoría da selección natural con algunha das súas aplicacións-1889). Hai que recordar que xa mentres viaxaba por terras papúes fora lida na Sociedade Lineana de Londres unha carta de Wallace conxuntamente cunhas notas de Darwin onde defendían a selección natural como mecanismo de transmutación (chamada décadas máis tarde evolución) nos seres vivos.

Como fundador da disciplina da Bioxeografía, vaia a seguinte ilustración procedente da súa obra, onde podemos ver o seu trazo que anticipaba un límite do que hoxe coñecemos como placas litosféricas, pero aínda que incluía a acción dos volcáns e terremotos para a separación de faunas e floras, xa distinguía como argumento principal a complexa historia da comunicación entre illas e pasado nivel dos mares para explicar o conxunto de especies que aparecen no presente.

Liña de actividade volcánica, destacada en vermello; liña de Wallace para a fauna e a flora, e liña que separa as etnias papúes das malaias, ambas en negro. Ilustración procedente do seu The Malay Archipelago (...), ver: http://wallace-online.org/content/frameset?pageseq=52&itemID=S715.1&viewtype=image

Sobre este tema, xa bosquexado na súa obra sobre o Amazonas, e completada no libro sobre o Arquipélago malaio, destácanse as posteriores obras The Geographical Distribution of Animals..., Australasia e Island Life..., (A distribución xeográfica dos animais (...), Australasia e A vida nas illas...) todas da segunda metade da década de 1871-80.

Nada máis que desexar que este 2014 sexa rico para a entomoloxía, as aplicacións da selección natural e a bioxeografía, para continuarmos arrincando froitos da obra dun xigante de orixes ilustradas malia humildes, como o gran naturalista, Alfred Russel Wallace (1823-1913).


1 comentário:

  1. Acaba de saír na web unha recompilación dos libros españois de e sobre Wallace: http://www.sea-entomologia.org/PDF/WallaceenEspa%C3%B1aXBelles.pdf
    e tamén un texto homenaxe, por parte da SEA:
    http://www.sea-entomologia.org/PDF/100a%C3%B1ossinWallace.pdf
    Gracias por el aporte, amigos! A ver si, como digo en la entrada, dentro de una década tenemos algo más en castellano, aunque el libro sobre el en la editorial Nivola es muy bueno.

    ResponderEliminar