3 de novembro de 2014

As libélulas e o doutor Santiago

Os bulideiros insectos sorpréndennos decote con áxiles e elaborados comportamentos. Seguro que algún mediodía de verán algunha libélula virou para evitarte e foise pousar a certa distancia, onde sentirías a súa precavida mirada, reaccionando ao máis mínimo dos teus movementos. Por moito que nos advirtan da limitada definición visual dos insectos, o tamaño dos ollos das libélulas e o seu comportamento delatan unha visión sorprendentemente fina.


Fig. 1: Unha aproximación aos ollos dunha libélula aínda sen gañar color (teneral).
Se investigamos algo o tema, veremos que as facetas e o reducido tamaño absoluto debe restar algo de definición. Isto foi repetidamente esaxerado na visión caleidoscópica que amosan os filmes da industria cinematográfica, algo que nada ten que ver coa visión real dos insectos. Non só iso, senón que distinguen ultravioleta, e a perfección do seu sistema nervioso non é algo que constitúa unha novidade. Un dos primeiros en chamar a atención sobre a complexidade do sistema nervioso dos insectos foi precisamente o primeiro en diferenciar as células nerviosas: o sobranceiro sabio aragonés Santiago Ramón y Cajal.
Fig. 2: Santiago Ramón y Cajal, retratado por Sorolla en 1906, o ano do seu premio Nóbel en Fisioloxía ou Medicina.

Así, en 1917 exclamaba:
"E eu que, enganado polo malfadado prexuízo da seriación progresiva das estruturas zoolóxicas de función semellante, agardaba toparme cun plan estrutural sinxelísimo e doadamente abordábel! Sen dúbida que os zoólogos, anatómicos e sicólogos calumniaron aos insectos. Comparada coa retina destes ao parecer humildes representantes da vida (himenópteros, lepidópteros e neurópteros*), a retina da ave ou do mamífero superior aparécesenos coma algo groseiro, basto e deplorablemente elemental. A comparación do rudo reloxo de parede con esquisita e diminuta saboneta non dá exacta idea do contraste. Porque o ollo-saboneta do insecto superior non consta soamente de máis tenues rodamentos, senón que entraña asemade varios órganos complicadísimos, sen representación nos vertebrados."
(tradución propia a partir da versión on-line de Recuerdos de mi vida).

Dende o punto de vista entomolóxico, tamén podemos salientar do doutor Santiago que conviviu nas institucións científicas con grandes entomólogos españois da época (Ignacio Bolívar, Manuel Mnez. de la Escalera...), e quizais de aí lle veñan inspiracións coma as deste divertimento, moi crítico coa realidade humana do momento: Carta de una hormiga esclavista (Polyergus rufescens)...

Mais voltando ao puramente neurolóxico, a finura das conexións podemos vela da súa man primeiro nunha estrutura primeiro sinxela, a neuroloxía dun simple ocelo (fig. 3), coma os tres que podemos ver entre os dous grandes ollos na fig. 1. formando os vértices dun triángulo; e logo algo máis complexo: a retina dos ollos compostos dun insecto, comparada coa dos moluscos e vertebrados (fig. 4).
Fig. 3. Corte saxital vertical do ollo e nervio ocelar medio da libélula. — A, corneola; B, retina; C, rexión plexiforme subretiniana; D, nervio ocelar; E, rexión protocerebral onde penetra o nervio ocelar; a, coroides (fig. 185 en Recuerdos de mi vida, de S. Ramón y Cajal)

Fig. 4: Comparación de cortes retiniáns en insectos, moluscos cefalópodos e vertebrados mamíferos, respectivamente (fig. 179bis en Recuerdos de mi vida, de S. Ramón y Cajal)

O sistema nervioso dos insectos fora xa ben descrito por Swammerdam tan cedo como en 1669, mellorando a sucinta descripción que Malpighi fixera do sistema nervioso do verme da seda un ano antes, e tan só 4 anos despois das primeiras ilustracións a microscopio dos ollos compostos dos insectos. Nos sucesivos séculos foi gañando detalle lentamente, pero sen aportar nada novo do seu funcionamento. Deica os descubrimentos de S. Ramón y Cajal non se tivo unha imaxe real da complexidade que encerraba. Ainda nos últimos anos estase a revisar a miniaturización do sistema nervioso nos insectos e outros artrópodos e invertebrados, que permite distinguir aqueles que, por pequenos que nos parezan, teñen comportamentos máis adaptables e son, por tanto, seres con intelixencia. Non só iso, senón que insectos e moluscos cefalópodos constan explícitamente como os invertebrados con algún grao de consciencia na Declaración de Cambridge de 2012.
É unha sorte vivir no país que enxendrou a tan gran científico como Santiago Ramón y Cajal, tanto por poder coñecelo mellor por exposicións como esta na Real Academa Nacional de Medicina, en Madrid; como por comprender ben a lingua natal do doutor Santiago, común a todos os españois, na que escribiu gran parte da súa obra (dende o mes pasado cúmprense 80 anos da súa morte, polo que a súa obra xa é do dominio público).
Pero non todo ía ser boa sorte, e na época, como científico cosmopolita que era, numerosas veces Santiago optou por escribir os seus traballos en alemán, sorte para os teutóns mentres aquí non haxa tanto entusiasmo pola ciencia que non se facilite tradución.

* Refírese tamén aos odonatos. Na época era frecuente considerar aos odonatos dentro dos neurópteros, aínda que xa foran disntinguidos por Fabricius en 1793, a súa separación non era aceptada por todos os autores.

Sem comentários:

Enviar um comentário